Jacobo Rial Rojo (Arteixo, 2004) afronta a súa primeira tempada no Club do Mar coa ilusión e a responsabilidade de seguir crecendo como futbolista.
O centrocampista, formado nas categorías inferiores do Victoria herculino, continuou o seu desenvolvemento no Arteixo xuvenil e máis tarde no Ordes, etapas que lle permitiron adquirir experiencia e madurez en distintas categorías do fútbol galego.
Sobre o terreo de xogo destaca pola súa gran visión de xogo e a súa capacidade para interpretar cada situación, achegando criterio e calma ao equipo. Preciso no pase, seguro no control do balón e con boa lectura táctica, Jacobo consolidouse como un mediocentro capaz de dar equilibrio e continuidade ao xogo do Club do Mar, converténdose nunha peza importante na construción desde a medular do campo.
Que che levou a fichar polo Club do Mar?
Desde o primeiro momento sentín moita confianza por parte dos adestradores, tanto a nivel deportivo como persoal, e iso foi clave para tomar a decisión. Ademais, teño a dous dos meus mellores amigos no equipo, que sempre me falaron marabillas do grupo humano que había aquí. Transmitíronme que o Club do Mar é como unha familia, e unha vez dentro confirmas que é así: hai unión, bo ambiente e todos os adestramentos están moi traballados. Para min, iso marca a diferenza.
Esperabas unha competición tan parella?
A verdade é que este ano me sorprendeu bastante. En tempadas anteriores adoitaba verse que os tres ou catro primeiros escapábanse bastante do resto, pero esta liga está a ser moito máis igualada. Cada xornada hai algunha sorpresa e é complicado puntuar en calquera campo, dá igual o campo ao que vaias. Iso demostra o nivel da competición, a cal che esixe estar ao cento por cento en todos os partidos e non poder baixar os brazos en ningún momento.
Que partido desta tempada reflicte mellor a identidade do equipo?
Quedo con dous partidos. Por unha banda, o de Boimorto en casa, onde gañamos 5-1. Encaixamos un gol moi pronto, pero o equipo soubo refacerse moi ben. Viuse a un equipo sólido, moi vertical ao contragolpe e tendo o control do partido durante os 90 minutos. Doutra banda, o partido contra o Queixas no seu campo, que gañamos 1-2. Foi un partido no que se viu a un equipo moi unido, traballando de xeito conxunto para sacar os tres puntos nun campo moi complicado para xogar o balón. Creo que ambos os partidos reflicten perfectamente a nosa identidade.
Foto: fotoschimpi




