A deportista do Club Sysca de Carballo, Andrea Goimil Liñares (Tordoia 21/11/2006), conseguía unha medalla de ouro e un récord do mundo e de España na proba de 4×25 remolque de manequín no Campionato do Mundo de Salvamento e Socorrismo celebrado en Gold Coast (Australia), onde tamén conseguiu unha medalla de prata na proba de 4×50 combinado e unha medalla de bronce na proba de 4×50 de natación con obstáculos, todas xunto coas súas compañeiras de relevo. Ademais, acadou outro récord de España en relevo combinado.
Como viviches unha experiencia tan satisfactoria no Mundial? Contabas con conseguir esas medallas?
A verdade que ter a oportunidade de participar nun Mundial representando a Selección Española xa foi algo moi emocionante para min, pero aínda o foi mais despois de conseguir os bos resultados xunto coas miñas compañeiras. Foi unha vivencia única e inesquecible, sendo para min a experiencia mais bonita vivida neste deporte. Tamén é xusto dicir que foi moi duro, xa que detrás dos bos resultados hai moitas horas de adestramentos para mellorar o máximo posible. Desfrutei ao máximo do Mundial, vivindo a tope cada proba. Australia é o país referente no Salvamento e Socorrismo, o que axudou a que o Mundial fora unha experiencia inesquecible, onde todos aprendemos de todos, nun deporte non moi coñecido, pero moi importante na actualidade e que ten moita variedade de probas. Eu levo dende ben pequena practicando este deporte e agora podo dicir que cheguei ao máximo nivel, o que supón para min un completo orgullo.
Si que é verdade que tiñamos un moi bo equipo e que tíñamos opcións de ter moi bos resultados, pero o que nunca pensei e que podía volver á casa con tres medallas, unha de ouro, outra de prata e outra de bronce, así como cun récord do mundo e dous de España.
Como é un día a día na vida de Andrea Goimil?
Antes da chamada para o Mundial adestraba durante 6 días a semana xunto cos meus compañeiros na piscina Carballo Calero. Despois cando empezou a temporada de praia, eu decidín seguir adestrando na piscina, pero eu soa co meu adestrador, 6 días a semana durante 3 horas, compaxinando a piscina e o ximnasio. Foi un ano duro xa que compaxinei o aspecto deportivo co académico, no que finalicei segundo de Bacharelato. Pola mañá acudía ás clases, despois facía as miñas tarefas, para terminar o día cos adestramentos ata ben pasadas as 10 da noite. Ao principio parecía algo imposible, pero si que é posible. Estando preparando a ABAU recibín a convocatoria para o Mundial, tendo que seguir traballando moi duro durante o verán, con adestramentos moito mais duros, sen a compañía dos meus compañeiros e tendo que renunciar a moitas cousas nas vacacións estivais, pero teño que dicir que mereceu moito a pena.
Cales son os teus próximos proxectos e obxectivos a curto e medio prazo?
Con este Mundial finaliza o meu camiño na categoría Júnior, pasando xa a categoría Absoluta onde compites xa con xente moi experimentada cun nivel moi superior, polo que o meu obxectivo e o de seguir neste deporte que tanto me axuda tanto fisicamente como mentalmente e poder desfrutar das competicións da nova temporada cos meus compañeiros do equipo. Si que é verdade que a miña rutina semanal vai sufrir trocos, xa que estou a estudar a carreira de Medicina en Santiago, polo que non poderei acudir a Carballo de forma regular, pero gracias a ser deportista galega de alto nivel, así como DAN (deportista Nacional de Alto Nivel), teño acceso gratuíto a piscina da USC, onde adestrarei, acudindo tamén ao ximnasio pola miña conta.