O adestrador do conxunto feminino do CF Dumbría, Santi Lira, concedeunos unha entrevista para analizar todos os aspectos deportivos para a nova tempada 2024/25.
Como vai a pretemporada para o teu equipo?
Como a maioría dos equipos desta zona, cústanos reunirnos todas por diversos motivos, especialmente laborais. A pretemporada está sendo «intensa», non tanto a nivel físico, senón a nivel mental. Estamos aproveitando para traballar conceptos que non traballamos o ano pasado, intentando encaixar novas pezas e ideas. Estou moi contento co esforzo das xogadoras para entender e aplicar estes conceptos nos amigables que xogamos.
Que aspectos traballades máis intensamente?
Principalmente, a defensa. Estamos centrados no repregamento e no bloque baixo cando é necesario.
Que obxectivos vos marcastes para esta nova tempada?
O obxectivo principal é a permanencia, consolidarnos ben nesta categoría e seguir formando un bloque sólido. Como adestrador, intento situar ao equipo o máis arriba posible, pero sen esquecer cal é a nosa realidade nin querer correr demasiado, deixando xogadoras polo camiño.
Hai algunha meta específica que vos gustaría acadar?
Non será fácil, pero gustaríanos poder meternos na fase de ascenso ou, polo menos, loitar por ela. Con todo, repito que o obxectivo principal é a permanencia.
Como ves o nivel da competición este ano?
Non podo dicilo con exactitude, xa que non teño moitas referencias da maioría dos equipos. Intúo que haberá 4-5 equipos fortes e que o resto estaremos a un nivel medio-alto, facendo que sexa unha liga moi igualada.
Que equipos consideras que serán os máis difíciles de enfrontar?
Penso que tanto Orzán, como Lugo e Friol, ao ser filiais, serán equipos de gran calidade con xogadoras novas a piques de despuntar, polo que serán rivais difíciles. Tamén serán complicados Cee e Xallas; os derbis entre equipos da costa nunca defraudan, e aínda que aos adestradores nos gusta «controlar» o que poida pasar, nun derbi da Costa é imposible predicir un claro vencedor.
Incorporastes novas xogadoras ao equipo?
O bloque é practicamente o mesmo da tempada pasada, coas cadetes que xa formaban parte do equipo. Incorporamos a Carmen e a Mariña, que chega tocada do último partido de copa do ano pasado, pero é unha xogadora interesante e estou desexando vela ao 100% co grupo.
Como se están adaptando as novas incorporacións?
Creo que se están adaptando ben.
Que roles se espera que desempeñen?
No caso de Mariña, espero que se converta nunha das xogadoras importantes.
Que xogadora cres que pode ser a revelación do equipo esta tempada?
Máis que revelación, somos conscientes do potencial que teñen moitas das xogadoras xuvenís do equipo; só falta que dean un paso adiante. Xogadoras como Claudia, Kelly, Noa, Sabela e Carril teñen a capacidade para despuntar, pero iso dependerá delas e da súa capacidade de traballo. Xogadoras como Mai, Eva, Fandi e María xa son unha realidade, polo que non as consideraría «revelacións».
Hai algunha xogadora que amosase unha evolución destacable?
En xeral, todas. Sorpréndeme especialmente o caso de Liss, a nosa porteira. A súa capacidade de esforzo, traballo e sacrificio é envexable e un exemplo a seguir. Pasou de non saber as regras a ser unha porteira máis que fiable, salvándonos en varios partidos. Todo o mérito é do seu traballo.
Como mantés motivado ao equipo durante unha tempada?
Se alguén ten unha resposta clara para esta pregunta, que ma envíe por favor… Non é fácil manter a motivación durante toda unha tempada. Intento fixar un obxectivo real, aínda que algo afastado no tempo, para evitar que decaian os ánimos. Dependendo dos resultados e do estado do equipo, busco unha motivación ou outra.
Que estratexias utilizas para fomentar a cohesión do grupo?
En Dumbría gústannos moito as pizzas, Risas. Sempre teño presente que o fútbol é a cousa máis importante dentro das cousas menos importantes, e tento transmitirllo ás xogadoras. Ao final, máis que unha estratexia, é un reflexo da vida. Todas temos os mesmos obxectivos: facer deporte, divertirnos e, por suposto, gañar. Nunca coñecín a ninguén que entrase nun campo con ganas de facer as cousas mal ou de perder o partido, polo que intento tirar por aí e ver as cousas de forma máis natural.
Como ves a evolución do fútbol feminino na Costa nos últimos anos?
Por momentos, vexo que está evolucionando demasiado rápido. Non quero que se me entenda mal; alégrome da repercusión que está tendo o fútbol feminino e do aumento de equipos nesta zona. Con todo, penso que poderiamos facer as cousas de forma máis pausada e pensando en cal é a mellor solución para o desenvolvemento das xogadoras. Penso que poderiamos mellorar moito nesta zona, pero non só no feminino, senón no fútbol da Costa en xeral. Parece que hai máis interese no ego dos clubs que no desenvolvemento das xogadoras e xogadores. Este é un tema que podería dar para un debate longo, así que mellor déixoo aquí.
Que cambios notaches na liga e na participación de outras zonas?
O ano pasado adestrei ao Victoria FC «B» de Santiago xogando na Primeira Galicia, e a gran diferenza que notei foi nos ritmos e nas medias de idade. A maioría dos equipos estaban formados por xogadoras novas con moito potencial e cun ritmo competitivo alto. Na Terceira, como é lóxico en equipos maioritariamente debutantes, a media de idade era máis alta e o ritmo de competición máis baixo.
Que cres que se necesita para seguir impulsando o fútbol feminino a nivel afeccionado?
Non querer correr demasiado, centrarse na base e ofrecerlles os mecanismos e ambientes propicios para que vaian crecendo e cheguen aos equipos senior cunha boa base de traballo detrás.
Que papel cres que xogan os adestradores neste desenvolvemento?
Para min, temos un papel crucial, especialmente con xogadoras en idade de desenvolvemento. Unha frase que me quedou moi gravada nun debate nun curso de adestradores resume moi ben isto: se non tes a capacidade para desenvolver a un xogador, polo menos non acabes con el. Levo moitos anos nisto e vin moitas atrocidades con nenos e nenas que aínda están en desenvolvemento, sen permitirlles inventar, regatear, tirar, equivocarse. En moitos casos, o adestrador que está na base, especialmente en equipos grandes, busca promocionarse e chegar ao primeiro equipo, e nos clubs na maioría dos casos, só se fixan no resultado, non en se están limitando ou non aos nenos. Eu mesmo cometín eses erros nalgún momento da miña vida, e agora tento melloralo segundo con quen estea traballando. Por iso penso que gran parte da responsabilidade recae nos adestradores e nos clubs.
Que importancia lle dás ao traballo da canteira no teu club?
Para min, é o principal. Sen canteira, non hai futuro. Non me preocupa tanto que as nosas cadetes gañen máis ou menos partidos. O ano pasado, que eu era o responsable directo do equipo, interesábame máis que aprenderan a controlar ben o balón, que tivesen a confianza suficiente para conducir, para intentar filtrar balóns; en resumo, que perderan o medo a fallar. Moitos puntos pérdense no camiño con ese proceso, pero para min o obxectivo é que cheguen co maior número de capacidades ao equipo de competición, onde xa me dirán cal é a calidade que teño que aplicar.
Como integras ás xogadoras novas no primeiro equipo?
As máis veteranas son as primeiras en ter claro que sen xuventude non hai futuro, e son as primeiras en integralas e intentar transmitirlles toda a súa experiencia. É un proceso moi natural e bonito de vivir tanto para as xogadoras como para min.
Que te motivou a converterte en adestrador dun equipo feminino?
A miña primeira experiencia cunha xogadora foi cando adestraba aos infantís dos Miúdos. Tiñamos connosco a Marcela, e a súa personalidade e forma de ser chamaron a miña atención para ben. Ao marchar para o Victoria, na segunda tempada no infantil, fomos incorporando a Laurita e Noa, e tamén foi unha moi boa experiencia con xogadoras de gran calidade futbolística e como persoas.
No ano seguinte, xa asumindo máis responsabilidade no equipo, tivemos a sorte de contar con Luita, Nati, Xiana e, nalgúns momentos, con Liana. Coincidiron cunha xeración de xogadoras incrible, sendo parte do vestiario e, no caso de Luita e Xiana, pezas clave no equipo, logrando así o ascenso á nova división de honra infantil. Vin nelas un potencial enorme, e o ano seguinte decidín ofrecerme para dirixir o equipo feminino «B» do club. Quería estar preto delas para que seguisen recibindo o apoio e a confianza que tiveran o ano anterior.
Esa temporada co equipo feminino foi moi boa a nivel grupal. O fútbol feminino é diferente do masculino; son moito máis agradecidas cando ven que realmente te preocupas polo seu progreso. É máis complicado motivarllas a saír da súa zona de confort, pero cando o consegues, dan un salto de calidade e recoñecen todo o traballo que fixeches. Aínda que polo camiño pode haber algunha que che odie, é algo momentáneo; co tempo, danse conta de que realmente te esforzaches pola súa evolución. Os homes somos máis teimudos para esas cousas e dános conta cando xa pasaron anos e varios adestradores por nós, Risas.
Como foi a túa experiencia ata agora neste rol?
Como che dixen antes, moi boa. Por momentos é moi complicado chegar a entenderse con algunha xogadora, pero cando o consegues, todo comeza a ir sobre rodas.
Cal foi o maior desafío que afrontaches como adestrador de fútbol feminino?
Penso que o maior desafío foi o ano pasado. Cheguei coa temporada xa iniciada a un equipo con moita calidade, pero sen ningunha dirección clara debido a todo o que lles acontecera ata ese momento. Desde fóra, a maioría dos compañeiros da mesma competición pensan que foi doado conseguir a unión que tiñamos e alcanzar o obxectivo de gañar a liga. Só as xogadoras e a xente próxima ao equipo sabemos todo o traballo que houbo detrás.
E cal foi a túa maior satisfacción?
A nivel de obxectivos deportivos, foi ser campioas da Copa do Sar e da liga, ademais de subcampioas da Copa da Costa co Dumbría. A nivel persoal, ver a Luita no Barça, a Laurita no Dépor e a Noa nas Celtas é un orgullo enorme. Ademais, ver a Carol medrar cada día máis como xogadora, e sen dúbida chegará onde se propoña, igual que as que seguen no Victoria sendo parte importante do equipo de 3ª RFEF. No Dumbría, ver as xogadoras máis novas esforzarse e mellorar sen parar tamén me enche de satisfacción. Os títulos e recordos están moi ben, pero para min é aínda máis gratificante sentirme parte do proceso de crecemento destas xogadoras. Non sei se as axudei a medrar, pero polo menos non fixen que se estancaran.
Que consello lle darías a outros adestradores que están comezando no fútbol feminino?
Este consello é para calquera que comece como adestrador: non teñas présa, segue aprendendo e non frees a progresión das persoas que teñas ao teu cargo. Seguramente, nos primeiros anos non terás claro se estás facendo as cousas ben ou mal, pero sé fiel a ti mesmo, non enganes a ninguén, e sé honesto contigo mesmo e cos xogadores/as. Antes que adestradores/as e xogadores/as, somos persoas, e iso é o máis importante.
Hai algunha lección clave que aprendiches?
Aprendín que o fútbol é o máis importante das cousas menos importantes. A clave está en como prefires que che vexan pola rúa os teus xogadores/as actuais e anteriores: xirándose para evitarche ou cruzando a rúa cun sorriso para saudarte.