A capitá e directora de orquestra do Cariño, Andrea Novo Vila (Cariño, 1999), desborda talento coa súa boa técnica, conducción, regate e visión de xogo periférica, iniciándose nas categorías inferiores do equipo cariñés, no fútbol 8 no Cedeira e pasando por equipos como o Narón, Amistade e O Val.
Que sentes levando a camiseta do Cariño?
Creo que en Cariño todos e todas temos algo moi especial que é o sentimento enorme de pertenza e por iso levar esta camiseta é algo moi bonito, ademais, sendo de aquí de Cariño, ese sentimento é aínda maior porque esta é a miña casa. O club está a facer moi bo traballo para que todos teñamos este sentimento.
Que significado ten para ti portar o brazalete de capitá?
Para min é algo que me enche de orgullo, na miña anterior etapa aquí tamén o levei, pero era máis pequena, agora son das máis maiores e vexo as cousas desde outra perspectiva, aprendín moito durante estes últimos anos, encántame que as miñas compañeiras poidan ver en min unha persoa en quen confiar e que as vou a axudar en todo o que estea nas miñas mans.
Como foi a decisión de querer xogar na Terceira Galega?
Houbo dous motivos que pesaron moito na decisión, un deles é que empecei a estudar as oposicións a mestra de educación física, e o segundo motivo, que vai un pouco ligado ao anterior, foi que levaba moitos anos “lonxe” de casa, ao final tiña que ir tres días a adestrar desde Cariño ao Val e os domingos xogar por toda Galicia, quitábame moito tempo. Por estes dous motivos e ao ver que, se había posibilidades de formar un equipo de fútbol 11 en Cariño, decidín que o mellor era xogar aquí, sabía que o cambio de liga era grande, pero aínda así, Terceira sorprendeume, hai máis nivel do que pensa a xente. Non me arrepinto para nada, son moi feliz aquí.
Como estás a ver a evolución do Cariño?
A tempada pasada empezamos con este equipo totalmente de cero, cun grupo no que a maioría das nenas nunca xogaran ao fútbol. Se comparamos o inicio de tempada co final, a melloría de todas é enorme, terminamos competindo moi ben. Todo o equipo estivo moi implicado en aprender, ademais de que estivemos moi unidas désense os resultados ou non. E un gran culpable da melloría foi Abel, preparábanos uns adestramentos e os partidos moi ben, e mencionar tamén a Carlos, que é un pilar fundamental, tivemos moita sorte de que fosen eles quen nos acompañasen durante este primeiro ano. Esta tempada, creo que non me equivoco se digo que imos dar un paso máis e imos ser un equipo moi a ter en conta. Agora farémolo da man de Nayim, xunto con Carlos. Estamos todas ilusionadas e desexando empezar.
Fotos: Sadmoody241




