Tensi: “O Maniños é ese fogar ao que vou se algo non vai ben”

É imposible imaxinar a un Cultural Maniños sen María Hortensia Varela Herreros (A Coruña, 2008), máis coñecida deportivamente como Tensi, unha xogadora que é unha das almas do equipo a pesar da súa curta idade, pero formada na canteira do conxunto fenés, e salvo unha tempada que a disputou coa indumentaria do Narón O Freixo, o resto da súa carreira está a desenvolvela no club da súa vida.

É ese tipo de xogadora diferente, que achega ese plus de calidade e que ten a capacidade de botarse ao equipo ás súas costas, dominando a medular cun control sublime do balón e achegando non só en ataque, senón tamén á hora de presionar.

Que é o Maniños para Tensi?
Para min, o Maniños é ese fogar ao que vou se algo non vai ben.

Como estás a ver o crecemento do teu equipo cada tempada?
A verdade é que somos unha gran piña, máis ben unha familia, e iso axúdanos a crecer entre nós e a ver as nosas melloras aos poucos. Estou moi orgullosa do esforzo das miñas compañeiras a pesar do duro que pode chegar a ser ás veces.

Que adestrador te marcou máis como xogadora?
Para min, o adestrador que máis me marcou como xogadora é Juanjo Cebolo. É esa persoa que sempre estivo aí nas boas e nas malas axudándome a crecer, tanto deportivamente como persoalmente, e que nunca deixou de crer en min, pero sen esquecerme de David Bello, que é un gran referente e un grandísimo adestrador que sempre confiou en min desde o minuto un e axudoume a valorar o futbol desde outra perspectiva.

Que obxectivo tedes esta tempada?
Para min, o obxectivo é gozar coas miñas compañeiras, pero o noso obxectivo é competir e dar o mellor de nós para lembrar que o Maniños está aí.

Fotos: Sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas