Antía Brage: “Estou segura de que imos ir crecendo”

Unha das grandes fichaxes de O Val foi o retorno da talentosa lateral Antía Brage Fachal (Fene, 2005), un auténtico puñal pola banda pola súa velocidade, bo toque de balón que lle permite poñer centros precisos ás atacantes valexas, así como ser unha xogadora de carácter dentro do terreo do xogo que lle permite dar ese plus de intensidade necesario para afrontar a poderosa categoría nacional.

Antía deu os seus primeiros pasos no fútbol da man do Eume desde a categoría de alevíns ata infantís de segundo ano, pasando posteriormente por O Val, o Orzán B e formar parte do primeiro equipo, así como do Dépor B, chegando mesmo, durante a súa traxectoria deportiva, a vestir as cores do combinado galego sub-15 e sub-17.

Como foi o teu retorno ao conxunto valexo?

A verdade é que foi bastante difícil e duro. Estiven moitos anos en Coruña, máis dos que estivera nunca noutro club, e vivín moitísimas cousas alí. Formeime tanto como xogadora, como persoa, e aprendín moitísimo. Foi difícil porque para min non existía a idea de irme, o meu soño sempre fora estar alí. Mesmo cando me cambiaron do Dépor B ao Orzán, nin mo pensei: quería seguir crecendo alí. Pero non sempre as cousas saen como un quere.

Saír dun sitio ao que estás tan afeita foi complicado. Era a miña rutina diaria: de casa a Abegondo e de Abegondo a casa. Deixei de facer moitas cousas por querer facelo todo ben, e co tempo entendín que ás veces necesitamos desconectar un pouco, porque se non, iso acábanos afectando.

Tamén foi duro a nivel mental. Deime conta tarde, pero estaba moi mal psicoloxicamente, sentíame afundida, e iso empezou a reflectirse no campo e cando empezaron a chegar as lesións seguidas. A miña cabeza xa non podía máis. Ademais, este último ano foi especialmente difícil porque a persoa que sempre me apoiaba en todo, tanto dentro como fóra do campo, Laura Testa, fichou polo Sporting, e non tela comigo afectoume moito máis. Sentíame soa, non era capaz de saír adiante e ninguén parecía darse conta, cousa que non llo desexo a ninguén. Por iso creo, polo que estou a vivir e vivín, que é moi importante coidar a saúde mental, sobre todo para os nenos e nenas que queren dedicarse ao fútbol. Se a cabeza non está ben, o corpo aos poucos deixa de responder. Eu cheguei a un punto no que pensei que non volvería xogar.

Marcos e Fran sempre estiveron pendentes de min, ano tras ano preocupáronse e animáronme. Este ano, despois de pensalo moito, vin a oportunidade de volver gozar e que mellor forma que facelo en casa. Facía tempo que non tiña ganas de ir adestrar, e grazas ás miñas compañeiras e ao corpo técnico, recupereino.

Os primeiros partidos foron duros porque non me sentía eu mesma e custoume adaptarme tamén a outro estilo de xogo, pero aos poucos, con adestramentos, partidos e tanto as miñas compañeiras como corpo técnico, fun soltándome e volvendo sentirme ben e agora estou a volver a gozar e a ser eu outra vez.

Hai moita diferenza de O Val actual con respecto ao da túa anterior etapa?

A verdade é que si, nótase bastante a diferenza. Cando cheguei ao Val por primeira vez, o equipo era moito máis veterano. Tiñamos xogadoras con moita experiencia, que xa sabían o que era competir nesas categorías, e a liga tamén era moi distinta a como é agora. Non había tanto nivel nin tanta estrutura, pero competíase igual. Ese ano conseguimos o ascenso a Primeira Galicia, e para min foi algo moi especial. Era a primeira vez que vivía un éxito así en equipo, e lémbroo con moitísimo agarimo.

Comparado con este ano, sinto moi afortunada de seguir compartindo vestiario con varias daquelas compañeiras, como Noemi, Valeria, Ari ou Alicia, que no seu momento eran das máis novas e agora son das máis veteranas do equipo e ás que lles teño moito agarimo.

En canto á categoría, tamén se nota moitísimo o cambio. Agora todo está máis organizado, hai máis apoio, máis visibilidade e moitas máis nenas que se animan a xogar ao fútbol. Iso, queiras ou non, eleva o nivel e a esixencia cada tempada. Así que si, a diferenza tanto no equipo como na categoría é clara, pero tamén moi positiva, porque demostra o moito que creceu o fútbol feminino nestes anos.

Como ves ao equipo para afrontar a dura proba da nacional?

Está claro que Terceira RFEF é unha categoría moi dura. Aínda que este ano fixesen algúns cambios, segue sendo moi esixente e competitiva, sobre todo para equipos como o noso, que acabamos de ascender e aínda estamos a nos adaptar como equipo ao ritmo e ao nivel que hai.

Sabemos que temos que seguir traballando moito, facernos máis fortes e gañar experiencia na categoría. Creo que aínda nos falta soltarnos un pouco máis, e xogar con máis confianza. Co paso dos partidos e os adestramentos, estou segura de que imos ir crecendo e atopando o noso mellor nivel.

Temos un grupo incrible, moi unido e ilusionado. Ademais, temos xogadoras moi boas que saben de sobras o que é competir nesta categoría. Se seguimos traballando así, e a pesar das derrotas, seguimos unidas e sen baixar os brazos, non teño ningunha dúbida de que imos conseguir manternos dabondo na categoría.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas