O Parrulo vende cara a derrota ante ElPozo

Un tanto de Marcel a 23 segundos do final deixou sen puntos na oitava xornada a un gran O Parrulo, que plantou batalla e puxo contra as cordas ao seu rival, caendo finalmente por un axustado 3-4.

Coa pista decorada en azul acorde á RFEF, o Pavillón da Malata acollía o duelo entre O Parrulo e o gran coloso, ElPozo, un auténtico David contra Goliat, nunha xornada que comezou coa entrega de premios ao mellor xogador da tempada pasada, Rubén Orzáez e ao mellor pivote, Gonzalo Santa Cruz. O quinteto de Gerard Casas estivo conformado por Mati Starna, Rubén Orzáez, Jhoy, Novoa e Gonzalo Santa Cruz, mentres que Josan González saía con Henrique, Ricardo, Marcel, Álvarez e Dener.

O partido comezaba cun O Parrulo valente, presionando alto e tocando ben para tratar de abrir espazos na defensa murciana. A escuadra ferrolá estivo a piques de sorprender nun par de balóns filtrados, pero a zaga visitante estaba moi atenta. A pesar do bo arranque local, os de Josan ían poñer pronto por diante, cando nunha boa presión, conseguían arrebatar o balón e Bebe, só ante Starna, picaba o balón por encima do gardameta para facer o primeiro da mañá.

O gol en contra non cambiaba os plans e os ferroláns seguían cos mesmos ánimos, rozando o empate tras un control soberbio de Gonzalo Santa Cruz, que baixou un balón do ceo para deixarllo a Jhoy, que disparaba e Henrique tiña que meter unha man providencial para evitar o empate. Pero minutos despois, os intentos dos de Gerard Casas darían os seus froitos cando nunha contra liderada por Rubén Orzáez, que era un auténtico pegamento en defensa, roubaba un balón e un centro por raso desde a banda terminaba dentro da portería defendida por Henrique tras tocar Bebe e anotar en propia.

Co 1-1 no marcador e tras un primeiros vinte minutos de partidazo, os dous equipos encamiñaríanse cara aos vestiarios para un merecido descanso antes de disputar o decisivo segundo acto.

O segundo tempo comezaba novamente con moita intensidade por parte das dúas escuadras, dando o primeiro aviso Novoa cun disparo que se estrelaba en pau da portería de Henrique. Na seguinte xogada, os murcianos ían poñer por diante nun saque de esquina que remataba a pracer Rafa.

Cun tanto abaixo no marcador, os locais lanzábanse en busca do empate e estaban a piques de logralo cun disparo de socato de Novoa, pero Henrique despexábao cunha man milagrosa. Pero na seguinte xogada os locais igualarían de novo a contenda tras unha rápida xogada na que Diogo chegaba ao segundo pau tras un rexeite para meter o tanto ferrolán. Coa igualada e o empuxe da bancada, O Parrulo íase ao ataque, e nunha boa contra Penezio poñería aos seus por diante, e sería con incertidume, pois o balón pegaba en ambos os paus e tras revisar o SV, os colexiados darían o gol tras confirmar que o balón tocaba o pau interior no segundo rebote.

ElPozo Murcia incrementaba a intensidade e comezaba a encerrar aos locais, que trataban de aguantar as arremetidas do rival con boas paradas de Mati Starna. O meta dos locais non podería evitar o empate ante o golazo do capitán Marcel, que tras unha rápida xogada ao primeiro toque, terminaba cun punterazo á escuadra que poñía novamente as táboas no electrónico.

A falta de cinco minutos e tras unha nova revisión no SV, O Parrulo tería a oportunidade de volverse a adiantar por un penalti cometido sobre Iván Rumbo, pero Edu, que substituía a Henrique na pena máxima, detería o lanzamento por raso de Penezio. ElPozo respondería rápido a esta gran ocasión con outra, tras un disparo de Dener que se estrelaba no traveseiro.

Os murcianos foron a por todas nos últimos dous minutos, con Bebe como porteiro-xogador nunha arriscada aposta de Josan por levar os tres puntos do A Malata, e sairíalle ben a xogada, pois a falta de 23 segundos, un balón que non lograba atrapar Starna, quedaba solto para que Marcel puxese o definitivo 3-4 no marcador nun final cruel para os galegos.

Na próxima xornada, O Parrulo visitará ao Industrias Santa Coloma.

O PARRULO: Mati Starna, Rubén Orzáez, Jhoy, Novoa e Gonzalo Santa Cruz; tamén xogaron Diogo, Iván Rumbo, Xavi Cols, Vukmir, Jon, Penezio e Turbi.

ELPOZO MURCIA COSTA CÁLIDA: Henrique, Ricardo, Marcel, Álvarez e Dener; tamén xogaron Álex García, Rafa, Ligeiro, Gadeia, Ricardinho, Edu e Bebe.

GOLES: 0-1 Bebe (5′), 1-1 Bebe (15′ en propia), 1-2 Rafa (23′), 2-2 Diogo (25′), 3-2 Penezio (29′), 3-3 Marcel (33′) e 3-4 Marcel (39′).

ÁRBITROS: Jorge González, Luis Sánchez, Adrián Figueroa (árbitro 3) e Berta García (cronometradora). Amoestaron aos visitantes Dener e Miguel Ledesma (staff) e aos locais Rubén Orzáez e Pedro Dopico (staff).

INCIDENCIAS: Oitava xornada da Primeira División de Fútbol Sala celebrada no Pavillón A Malata.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas