As Pontes celebrou o IX Northwest Triman

As Pontes acolleu a pasada fin de semana a novena edición do Northwest Triman con distancia ironman (único tríatlon en Galicia de distancia longa) e mediana, onde se citaron case 700 deportistas para desafiar á esixente proba.

A distancia longa consistía nun percorrido de 3,8 quilómetros a nado, 180 en bicicleta e 42,2 a pé, mentres que a mediana era de 1,9 quilómetros a nado, 90 en bicicleta e 21,1 a pé.

Na proba longa coroáronse os madrileños Javier del Moral Muñoz, do equipo Triboost, e Ana López de San Román Blanco, do Fitness Sport, logrando as marcas máis rápidas con 8:55:01 e 11:49:04 respectivamente tras completar as tres probas do percorrido. O deportista do Trieume, Ismael Vázquez Prieto, foi o primeiro pontés en chegar a meta en sexta posición cun crono de 9:35:54.

Na distancia mediana venceron Francisco De la Paz Fernández, pertencente ao SR2 Tríatlon de Alcalá de Henares, e a asturiana Beatriz Tenreiro Álvarez, deportista do Tríatlon Santander. Francisco logrou cruzar a meta cun tempo de 4:08:37, mentres que Beatriz fíxoo en 4:49:28.

Na clasificación por equipos, o club pontés Trieume adxudicouse a 23ª posición, mentres que o AD Náutico Narón fíxose coa 25ª praza.

Ao principio do evento viviuse un momento tenso cando un dos deportistas durante a proba de natación necesitou de reanimación. A rápida intervención dos servizos sanitarios despregados no evento foi fundamental para socorrer ao deportista, que sería trasladado ao Arquitecto Marcide, informando que se atopa estable e pendente de evolución.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas