BAXI FERROL: Undécima vitoria e o ascenso a tiro

O conxunto ferrolán vence por 83-66 ao Osés Construcción Ardoi, acadando a undécima vitoria consecutiva e deixando a tiro o ascenso directo se o Recoletas Zamora non vence no encontro de hoxe ante o Melilla Sport Capital La Salle.

O Baxi saíu co quinteto formado por Jenna Allen, Ángela Mataix, Jessica Féquière, Marta Gómez e Julieta Mungo, mentres que o Osés formou con Arregui, Hernández, Blanco, Pouye e Cabrera. As ferrolás comezaron mandando no marcador cun triplo de Julieta Mungo. As visitantes responderían e durante a primeira metade do cuarto estarían por diante no marcador, pero as de Lino López subirían a marcha e deixaron o cuarto en 19-12, con Julieta Mungo con 9 puntos como máxima anotador local polos 6 puntos de Fatou Pouye para o Osés Construcción Ardoi.

No segundo cuarto formarían o quinteto Claudia Soriano, Andrea Boquete, Julieta Mungo, Irene Garí e Marianne Kalin. O cuarto comezou moi equilibrado con canastras en ambos os dous lados, pero pouco a pouco, o Ardoi mostrou maior acerto anotador, e varias imprecisións en ataque do conxunto ferrolán meteu ás visitantes no partido, que daban a volta ao marcador na metade do cuarto. Un triplo de Allen volvería a poñer ao Baxi por diante, pero o Ardo non baixaría os brazos e chegarían ao descanso por diante co resultado de 34-35. Ata o momento, a máxima anotadora local era Julieta Mungo con 9 puntos, mentres que polas visitantes era Fatou Pouye, tamén con 9.

O terceiro cuarto arrincou con triplo de Mataix para poñer ao Baxi por diante. Tras uns minutos de imprecisións por ambos os dous conxuntos, as ferrolás comezaron a distanciarse no marcador, presionando moi alto a saída das visitantes e con gran acerto ofensivo. Varias boas accións defensivas de Claudia Soriano e os triplos de Jenna Allen e Marta Gómez deixaban ao Baxi 51-39 cando restaban 3 minutos por xogarse do cuarto. O Baxi meteu unha marcha máis no tramo final para rematar o cuarto con 20 puntos de vantaxe co resultado de 61-41, con Jenna Allen como máxima anotadora local e Fatou Pouye con 11 para as visitantes.

No último cuarto iniciaron Claudia Soriano, Andrea Boquete, Irene Garí, Marta Gómez e Marianne Kalin. O último período arrincou con canastra de Marta e tiro adicional por falta personal para sumar +3. As líderes da Challenge non daban oportunidade ás rivais e mantiñan o ritmo con outro gran cuarto como no terceiro, rematando o partido co resultado de 83-66. Por parte das locais, a máxima anotadora foi Marta Gómez con 18 puntos, mentres que polas visitantes foi Sabela García con 14.

O Baxi Ferrol logrou a úndecima vitoria consecutiva e deixa o ascenso directo á Liga Endesa a tiro. Se o Recoletas Zamora non vence nesta xornada, o conxunto ferrolán xa será matemáticamente equipo de Endesa tras unha gran tempada a un alto nivel. En caso de que o Recoletas logre a vitoria, o Baxi necesitaría tan só unha vitoria das tres xornadas que restan por disputarse.

RESULTADO: Baxi Ferrol 83-66 Osés Construcción Ardoi

BAXI FERROL: Claudia Soriano (5), Nevena Dimitrijevic (0), Irene Garí (4), Ángela Mataix (13), Julieta Mungo (11), Marta Gómez (18), Marianne Kalin (8), Jessica Féquière (10), Andrea Boquete (2) e Jenna Allen (12).

OSÉS CONSTRUCCIÓN ARDOI: María Luisa Zabalza (3), Alazne Vicente (2), Diana Cabrera (6), Anna Prim (12), Claudia Calvelo (5), Itziar Arregui (2), Sabela García (14), Zoe Hernández (2), Fatou Pouye (13), Amaia Díez (3) e María del Carmen Blanco (4).

CUARTOS: 19-12, 34-35 (15-23), 61-41 (27-6) e 83-66 (22-25).

ÁRBITROS: Laura Piñeiro Amondaray e Jaime Enrique Álvarez-Ossorio Varela. Sinalaron un total de 37 faltas, 18 das locais e 19 das visitantes.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á 27ª xornada da Liga Challenge celebrado no pavillón de A Malata ante 1700 afeccionados.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas