O conxunto ferrolán logrou o ascenso á Liga Feminina Endesa tras sumar a 12ª vitoria consecutiva ante o Real Canoe por 76-52 cando aínda restan dúas xornadas por disputarse tras unha gran tempada das de Lino López.
O Baxi saíu co quinteto formado por Claudia Soriano, Jenna Allen, Jessica Féquière, Marta Gómez e Julieta Mungo, mentres que o Sernova Renovables Real Canoe formou con Lucía Rodríguez, Macarena Roldán, Irene Baeza, Marta Moix e Claudia Gómez. As ferrolás arrincaron o partido por diante con canastra de Mungo e triplo de Soriano e aos 6 minutos de encontro vencían por 9-2 co público totalmente entregado en cada canastra local. O Real Canoe acortou distancias cuns minutos imprecisos do Baxi, pero as ferrolás finalmente marcarían o ritmo e deixarían este primeiro cuarto en 19-13 con Jessica Féquière como máxima anotadora local con 7 puntos e coa mesma puntuación por parte das visitantes sería Mariana Silva.
O segundo cuarto arrincou con Boquete, Kalin, Garí, Mataix e Féquière. O Baxi buscaba ataques rápidos e ampliar a vantaxe que pouco a pouco ía acadando. A falta de 6 minutos para rematar o período, dous triplos consecutivos de Claudia Soriano e Marta Gómez poñía o resultado de 32-18. As ferrolás dominaban o encontro e chegaban ao descanso cun favorable 47-31, con +16 puntos de vantaxe.
Tras o descanso, o Baxi iniciou con triplo de Marta Gómez. No ecuador do cuarto, varios triplos locais deixaban ás locais con 26 puntos de vantaxe co marcador de 61-33. O conxunto local buscaba sentenciar o partido e pouco a pouco ía poñendo un ritmo de xogo imparable. O terceiro período chegaría ao seu fin co resultado de 63-38 e o ascenso á Endesa cada vez máis preto.
No último cuarto o Baxi non baixou o ritmo. Con gran acerto ofensivo e moi boas accións defensivas, as ferrolás pouco a pouco encamiñaban o camiño de cara á 12ª vitoria consecutiva e ao ascenso á Liga Endesa. O público non deixaba de animar cada canastra local. Ao final, as ferroláns vencían por 76-52 con Féquière e Soriano como máximas anotadoras locais con 16 puntos e Molina e Silva con 11 como máximas anotadoras visitantes.
O conxunto ferrolán, cunha racha de 12 vitorias consecutivas, volve á Liga Endesa tras unha gran tempada e a falta de dúas xornadas por disputarse. Tras rematar o encontro, o Baxi Ferrol recibiu o merecido trofeo de campioas da Liga Challenge.
RESULTADO: Baxi Ferrol 76-52 Sernova Renovables Real Canoe
BAXI FERROL: Claudia Soriano (16), Nevena Dimitrijevic (0), Irene Garí (3), Ángela Mataix (6), Julieta Mungo (2), Marta Gómez (13), Marianne Kalin (2), Jessica Féquière (16), Andrea Boquete (4) e Jenna Allen (14).
SERNOVA RENOVABLES REAL CANOE: María Malpartida (2), Lucía Rodríguez (4), Cristina Mato (3), Claudia Gómez (4), Carmen Molina (11), Mariana Silva (11), Marta Moix (2), Irene Baeza (6) e Macarena Roldán (9).
CUARTOS: 19-13, 47-31 (28-18), 63-38 (16-7), 76-52 (13-14).
ÁRBITROS: Alexis Fuentes Magarzo e Iván Escariz Torres. Sinalaron un total de 25 faltas, 15 das locais e 10 das visitantes.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 28ª xornada da Liga Challenge celebrado no pavillón de A Malata ante 2700 afeccionados.