O Baxi Ferrol vence a un combativo Al-Qázeres na prórroga e ten o obxectivo do ascenso cada vez máis preto tras a derrota do Recoletas Zamora ante o Celta Zorka Recalvi.
No primeiro cuarto ambos os dous conxuntos mostraron moita intensidade, presionando e buscando roubar o balón o máis cedo posible. O cuarto caeu do lado do Al-Qázeres por 14-15 con Celia García como máxima anotadora con 7 puntos polas visitantes e Marta Gómez con 6 puntos polas locais.
No segundo cuarto o Baxi reaccionou e deulle a volta ao marcador nos minutos finais. O conxunto ferrolán mostrou máis acerto e maior intensidade, tendo en Marta Gómez e Jessica Féquière ás máximas anotadoras locais con 9 puntos, mentres que polas visitantes foi Celia García tamén con 9. O Baxi logrou un parcial de 16-10 que deixaba o marcador en 30-25.
Tras o descanso, o Baxi mantería a vantaxe e incluso a aumentaría lixeiramente ata os +8. As ferrolás seguían sen baixar o ritmo e deixaban o marcador en 47-39 con Marta Gómez como máxima anotadora con 11 puntos e Andersen polas visitantes tamén con 11 puntos.
No último cuarto as visitantes buscaban meterse no partido e a falta de tres minutos para o final chegarían a poñerse a 3 puntos. Marta Gómez anotaba desde a liña de tres, pero as visitantes respondían con outro triplo. Con un minuto por xogarse, Primm poñía ao Al-Qázeres a un punto abaixo. Andrea Boquete anotaba, pero Andersen lograba responder e sumar ademais un tiro adicional por falta que igualaba o partido a 59-59 a falta de 28 segundos. No último segundo, unha técnica pitada en contra do Baxi deixaba o partido nas mans de Andersen, pero fallaría os dous tiros libres e ao final o partido marcharía a prórroga.
Nos cinco minutos extras da prórroga o Baxi sacou a súa mellor versión e non deu opcións ao Al-Qázeres, deixando o marcador en 77-66 con Marta Gómez sumando 23 puntos como máxima anotadora do encontro e por parte das visitantes Celia García con 16.
RESULTADO: Baxi Ferrol 77-66 Alter Enersun Al-Qázeres Extremadura
BAXI FERROL: Claudia Soriano (11), Nevena Dimitrijevic (0), Irene Garí (2), Ángela Mataix (0), Julieta Mungo (5), Marta Gómez (23), Marianne Kalin (2), Jessica Féquière (13), Andrea Boquete (8) e Jenna Allen (13).
ALTER ENERSUN AL-QÁZERES EXTREMADURA: Katherin Andersen (14), Noa Lorenzo (0), Stephanie Martínez (5), Radka Stasova (7), Lucía Fontela (3), Sira Hisado (0), Gedna Capel (8), Crystal Primm (9), Sara Zaragoza (4) e Celia García (16).
CUARTOS: 14-15, 30-25 (16-10), 47-39 (17-14) e 59-59 (12-20); prórroga 77-66 (18-7).
ÁRBITROS: Milkana Borges Cosic e Alexis Fuentes Magarzo. Sinalaron un total de 34 faltas, 16 das locais e 18 das visitantes.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 23ª xornada da Liga Challenge celebrado no pavillón de A Malata.