Unha das referencias no poderío ofensivo do SD O Val, que esta tempada estará na Terceira Federación Feminina, é a dianteira Beatriz Yáñez González (Ferrol, 1992).
A ferrolá atesoura moita calidade nas súas botas, destacando polo bo regate, un dominio absoluto do balón, alta visión do xogo, moi precisa á hora de filtrar algún pase ás súas compañeiras ou aproveitar os espazos, unha definición impecable de cara ao gol e un amplo repertorio de recursos técnicos para desarmar á defensa rival. Comezou a súa traxectoria no fútbol sala, cos primeiros pasos na categoría de biberón ata os 17 anos en equipos como o CPS San Valentín, Boandanza, Unidad de Fene, o Narón en provincial e A Fervenza. Despois daría o salto ao fútbol 11 da man do equipo valexo, co que desenvolvería toda a súa carreira deportiva excepto nunha tempada, na que militou no Orzán, co que disputou a competición nacional no 2014/15, regresando ao conxunto valexo fai tres campañas.
Que che parece xogar na competición nacional co SD O Val?
É algo que tiña pendente e faime moitísima ilusión. Xa non só polo que supón para Ferrolterra ter un equipo en nacional, senón porque estivemos moi preto noutras ocasións e sinceramente creo que nolo mereciamos.
Como ves o novo formato da liga?
Ao final creo que este novo formato, é como unha liga galega, pero de máis nivel. Non saír a competir a Asturias ou a León creo que lle resta ese plus de crecemento e experimentar todo o que supón viaxar e competir noutras circunstancias que agora, con este formato, non se darán.
Que opinas do nivel das rivais?
Será duro. Cada vez hai máis nivel, máis seriedade nos clubs en canto aos seus equipos femininos e moitas nenas novas que veñen con fame. Vémolo co Dépor, co Celta, o Sárdoma, que sempre está aí, polo que seguro que será complicado. Non digo nada novo, cando sabemos todo o que hai que sacrificar aínda hoxe en día no fútbol feminino. É verdade que cambiou o panorama, pero moitas das miñas compañeiras, nas que me inclúo, temos que compaxinar traballo e fútbol, polo que agora, xogando nunha categoría máis, a esixencia será maior, pero estou segura que o imos a deixar todo no campo.
Que momento da túa vida deportiva che marcou máis como futbolista?
Pois podería quedarme con moitos, pero sen dúbida, o perder dous ascensos é algo que me marcou, porque sinceramente creo que ambos nolo mereciamos, pero non se nos deu. Pero non quero quedarme só con malos momentos, gañar as dúas edicións da Copa Ferrol, é algo incrible, que creo que ademais demostra o talento que hai en O Val e que somos referentes en canto ao fútbol feminino de Ferrolterra.
Fotos: Sadmoody241




