BERGANTIÑOS FC: manterá as ofertas para o partido deste domingo

Desta forma o club quere agradecer aos seus socios e afeccionados todo o apoio mostrado ao longo de toda esta tempada no Estadio Municipal As Eiroas.

O Bergantiños FC mantén parte das iniciativas levadas a cabo no último partido disputado no Estadio Municipal de As Eiroas, ante a Gimnástica Segoviana, para o próximo encontro correspondente á xornada 31 ante o líder da clasificación do Grupo 1 da 2ª RFEF, a Unión Adarve (domingo 24 de abril ás 17:00). Con iso, o club quere mostrar todo o seu agradecemento a todos os socios e afeccionados do Bergantiños polo apoio mostrado ao longo desta tempada. «Grazas á incondicional axuda de toda a familia Bergan que cada fin de semana manifestan na que é a casa de todos, As Eiroas, o noso equipo está hoxe en día loitando por acceder aos postos para disputar a fase de ascenso a 1ª RFEF que se celebrará en Alicante.»

O club comunica: «No Bergantiños FC queremos seguir soñando sempre á beira da familia Bergan Socios e afeccionados son o piar fundamental de todo o club e sabemos que con eles todo é posible por iso o Bergantiños FC manterá para este domingo o día para os socios: todo aquel que teña o abono da Tempada 21/22 poderá traer un acompañante gratis, así como tamén, para os que non teñan o carné de socio as entradas poderanse adquirir a un prezo reducido de 5 euros, no canto dos 15 habituais, para todos os maiores de 12 anos e será gratis para os menores de 11 anos.»

O club tamén convida a todos os xogadores e xogadores que forman parte da base do Bergantiños FC e das Escolas Luís Calvo a presenciar o partido que será a penúltima final, das catro que restan da liga regular, que vivirase no Estadio Municipal de As Eiroas. Todos eles terán ademais a oportunidade de inmortalizar o momento cunha fotografía xunto a todo o persoal e corpo técnico do primeiro equipo unha vez finalizado o partido ante a Unión Adarve.

BERGANTIÑOS FC

O Bergantiños FC é o club decano do fútbol federado na Comarca de Bergantiños. O club vermello fundouse na localidade de Carballo no ano 1923, e conta cunha ampla traxectoria deportiva e unha importante canteira da que saíron destacados futbolistas e adestradores. A súa historia e evolución fan que este club case centenario, sexa considerado un equipo referente tanto na Comarca de Bergantiños como da Costa da Morte.

O Bergantiños FC militou na 2ª división B nas tempadas 87/88 e 88/89. No seu palmarés figuran dúas Copas Galicia (68/69 e 84/85) e un campionato de 3ª división (93/94), destacando tamén varias participacións na Copa do Rey. Na tempada 20/21 foi campión do subgrupo de 3ª División e alcanzou nesta mesma campaña o ascenso á nova 2ª RFEF.

Na actualidade, o Bergantiños FC compite na liga de 2ª RFEF no Grupo 1 e está dirixido polo adestrador José Luis Lemos Ameneiro.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas