ELENA VÁZQUEZ: Coa selección nacional

A zurda carballesa, do Bergantiños FC, é a primeira xogadora da Costa da Morte que forma parte dunha selección nacional.

A zurda Elena Vázquez Brandón (Rus-Carballo, 2007), xogadora do Bergantiños FC, é a primeira futbolista da Costa da Morte en formar parte dunha selección nacional de fútbol. Fíxoo co combinado Sub-15 nunha concentración que tivo lugar do día 25 ao 27 do presente mes de abril, na Cidade do Fútbol, en Las Rozas (Madrid). Elena formou parte dunha convocatoria de 24 xogadoras que realizou a asturiana Montse Tomei.

Elena, estudante de 3º de ESO no instituto Isidro Parga Pondal, en Carballo, e de 1,75 metros de estatura, comezou no fútbol nas Escolas Luís Calvo Sanz, con 3 anos e medio na categoría biberóns, e permaneceu alí ata a competición alevín, con 11 anos. De aí deu o salto ao Bergantiños FC, conxunto no que leva catro campañas, dúas en infantil e agora a segunda en cadete, ten 14 anos, aínda que tamén alterna co primeiro equipo de afeccionados feminino. Na selección galega estivo dúas campañas na categoría Sub-12 e agora é a segunda na Sub-15, coa que conseguiu, por primeira vez, o pase á fase final do campionato de España de seleccións. Nese combinado, a carballesa é unha das súas capitás.

Elena, seguidora do Real Madrid, é admiradora, de forma especial da santiaguesa Vero Boquete, xogadora actual da ACF Fiorentina Femminile, e da pontevedresa Teresa Abelleira, do Real Madrid CF. A ambas as deportistas coñece e coas que estivo en contacto nas súas convocatorias cos combinados autonómicos. Nas tempadas nas que leva competindo, Elena só fíxoo en dúas campañas alternando un conxunto feminino e cos masculinos, estes son os habituais nos que xoga. Así as dúas oportunidades en formacións femininas foron na campaña 2018-2019 cando xogaba cos alevíns e tamén coa formación de promesas feminino, e nesta tempada 2021-2022, que está co equipo masculino cadete e co primeiro equipo de afeccionadas feminino. A traxectoria de Elena non pasou inadvertida para os seus rivais, e esta campaña tivo varias ofertas para cambiar de aires e deixar o conxunto de As Eiroas, algo ao que se negou e así afrontou un dos seus retos, formar co primeiro equipo feminino carballés na Primeira División Autonómica.

Ademais é boa estudante, moi constante e traballadora. Elena ten claro que lle gustaría estudar algo relacionado co deporte ou ben cos nenos, xa que son dous campos que lle chaman poderosamente a atención, á marxe, está claro, chegar a ser profesional no fútbol.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas