O conxunto carballés, de Gueli Cotelo e René Díaz Vila, está a asombrar co seu liderado no debut desta liga na 1ª División Autonómica.
O Bergantiños FC afrontou esta tempada 2021-2022 o ascenso á Primeira División Autonómica con moita ilusión. Tanto Gueli Cotelo como René Díaz Vila, adestradores do equipo, planificaron minuciosamente a pretemporada. Os nove amigables fortaleceron a un equipo nos que presentou oito novidades e continuaron 16 futbolistas. O salto de categoría era un reto e nel non se sabía realmente as posibilidades reais do equipo. Na formación de As Eiroas respirábase confianza e, sobre todo, moito traballo en horas de adestramento. E chegou a hora da verdade. O 10 de outubro, o debut tivo lugar no campo A Grela 1, na Coruña, fronte ao Victoria CF “B”. Os goles de Miriam e Lara López sentenciaron o choque (0-2). Na seguinte xornada tivo lugar a presentación no campo As Eiroas. As carballesas callaron uns primeiros 45 minutos de cinema, e ao final impuxéronse á SD Tordoia por 6-1. Desa forma asaltaron o primeiro posto da clasificación, que ocupan na actualidade e despois de disputar 12 encontros e a dous para o final desta primeira fase.
Gueli Cotelo e René Díaz están a mostrar un equipo versátil, con Cruz en plan goleadora e Yaiza exhibindo a calidade no centro do campo, acompañadas polas demais xogadoras que están a ofrecer unha extraordinaria campaña fronte a rivais de enxunlla, como son o CD Lugo, Orzán SD ou Victoria CF, entre outros.
O conxunto carballés debe disputar os dous últimos encontros da primeira fase. O primeiro será nas Eiroas fronte ao PM Friol “B”, que será o 6 de marzo, e concluír visitando ao SD O Val, o día 13 de marzo. O obxectivo é claro para as carballesas, figurar nun dos tres equipos do grupo A que se clasifiquen para a segunda fase, cos outros tres do Grupo B. Eses seis equipos loitarán polo ascenso a Primeira División Nacional. O campión de cada grupo terá catro puntos de saída, o segundo, dous, e o terceiro, un. En principio, o primeiro clasificado desa segunda fase é o que ascenderá.