O domingo 13 de marzo tivo lugar a 10ª xornada de billarda na pista polideportiva cuberta de Castro Laxe.
Nun principio, a xornada estaba planificada para xogarse en exterior, pero debido ao ceo nubrado e a ameaza constante de que a choiva fixese acto de presenza, optouse por disputala na pista polideportiva cuberta de Castro Laxe, á beira do parque de Tarreo en Vilaboa, no concello de Culleredo.
Ademais de puntuar para a liga, esta xornada tiña un engadido especial, e é que se xogaban tres prazas para participar na Supercopa de Billarda que terá lugar o próximo 26 de marzo na Coruña e que será televisada en directo pola TVG2. Ditas prazas obtivéronas Manu Pozo de Billardeiros Musicais de Ribadeo, Cotelo da APB A Laracha e Alberte de Cochiqueiros de Cerceda.
CATEGORÍA FEMININA: O primeiro posto foi para Geni de Billardeiros Musicais, con Mercedes de Campo da Feira de Paiosaco na segunda posición e Silvia de Cochiqueiros de Cerceda no terceiro posto.
CATEGORÍA INFANTIL: Abel do Campo da Feira proclamouse campión da xornada, con Aroa de Billardeiros Musicais na segunda praza e Nuno de Filloas de Sangue da Coruña como terceiro clasificado.
CATEGORÍA POR EQUIPOS: O conxunto vencedor foi Billardeiros Musicais, mentres que a segunda praza foi para Campo da Feira e o terceiro posto foi APB.
Mostráronse agradecementos á Concellaría de Deportes da Coruña polos agasallos achegados para esta 10ª xornada, ao Concello de Culleredo por permitir o uso da pista polideportiva cuberta de Vilaboa e á Asociación Cultural e Recreativa de Castro Laxe por abrir o seu local social anexo á pista polideportiva con servizo de bar e aseos.
A próxima xornada disputarase o domingo 10 de abril en Cerceda.