A 12ª xornada da Liga Atlántica de Billarda (Conferencia Noroeste), penúltima da tempada, celebrouse o domingo 18 de xullo no Paseo Marítimo de Xubia (Narón).
Participaron un total de 49 palanadores entre os que se atopaban dous equipos da provincia de Lugo e un da de Pontevedra, ademais dos 4 equipos da Coruña.
A mañá foi espléndida, nunha zona verde e ampla para gozar da práctica deportiva da Billarda e na que o Concello de Narón, en colaboración coa Federación Galega DEPAU Modalidade Billarda, cederon e acondionaron as instalacións do paseo marítimo, así como achegando os premios aos participantes da xornada. Tamén destacar que o concelleiro de deportes, José Oreona, asistiu á entrega de trofeos e falouse de que o concello fará o posible para que Narón poida dispoñer dun campo de billarda.
Os resultados da 12ª xornada foron os seguintes:
Na categoría absoluta venceu Xan Rodiño do Lúa de Forza (Sanxenxo), no segundo posto quedou Juan Carlos do Campo da Feira (Paiosaco) e no terceiro posto foi para Charli, tamén do Campo da Feira.
Na categoría feminina, Aroa, do Billardeiros Musicais (Ribadeo) foi a campioa, mentres que o segundo posto foi para Geni, tamén do Billardeiros Musicais e a terceira clasificada foi Merche do APB (A Laracha).
Na categoría infantil, Aroa do Billardeiros Musicais novamente venceu, ocupando Xan González do Filloas de Sangue (A Coruña) o segundo posto e Ramón González, tamén do Filloas de Sangue, o terceiro posto.
O campión por equipos foi o Campo da Feira, seguido do APB e do Billardeiros Musicais.
A Liga Atlántica de Billarda – Conferencia Noroeste mostrou o seu agradecemento ao Concello de Narón e á Concellaría de Deportes polo seu apoio, difusión e promoción desta actividade deportiva.