A 13ª xornada da Liga Atlántica de Billarda (Conferencia Noroeste), celebrada no Miradoiro de Santa Marta o sábado 24 de xullo, foi a última da tempada. A final disputarase o domingo 1 de agosto en Sanxenxo.
O sábado, nunha tarde de ceo nubrado, disputouse a 13ª xornada nun día en que os equipos chegaban preparados para para afrontar un reto moi gratificante na búsqueda dos seus obxectivos deportivos e persoais. O escenario escollido, o couto de Santa Marta, foi un lugar perfecto para un campo de billarda e o club APB A Laracha fixo un gran traballo de loxística e acondicionamento da parcela.
A entrega de trofeos (de Cerámica Artesanal de Buño) da xornada e dos podios finais de Conferencia realizouse nas ruínas da Capela de Santa Marta. Os representantes da Conferencia Noroeste pechan unha tempada de consolidación e aumento de participación, ademais de chegar a concellos que nunca tiveran antes un torneo de Billarda.
RESULTADOS 13ª XORNADA:
Na categoría absoluta o vencedor foi Xan Rodiño do Lúa de Forza (Sanxenxo), con Óscar Ponte do Campo da Feira (Paiosaco) no segundo posto e Xosé Collazo, tamén do Campo da Feira, ocupando o terceiro posto.
Na categoría feminina, Marisa, do Lúa de Forza, foi a campioa, mentres que na segunda posición estivo Raquel do Cochiqueiros (Cerceda) e a terceira clasificada foi Aurelia do Campo da Feira.
Na categoría infantil, Abel do Campo da Feira resultou o vencedor da xornada, mentres que Óscar García do Cochiqueiros ocupou a segunda posición.
O campión por equipos foi o Campo da Feira, co APB na segunda posición e Filloas de Sangue da Coruña no terceiro posto.
CLASIFICACIÓNS XERAIS:
Na categoría absoluta o campión foi Xan Rodiño do Lúa de Forza, o subcampión foi Xosé Collazo do Campo da Feira e na terceira posición quedou Xulio Ponte, tamén do Campo da Feira.
Na categoría feminina, a primeira posición foi para Silvia do Cochiqueiros, a subcampioa foi Sonia, tamén do Cochiqueiros e Mercedes do Campo da Feira ocupou a terceira posición.
Na categoría infantil, Abel do Campo da Feira foi o campión, seguido por Óscar García do Cochiqueiros na segunda praza e Aroa do Billardeiros Musicais de Ribadeo no terceiro posto.
O campión por equipos foi o Campo da Feira, co APB da Laracha na segunda posición e Filloas de Sangue na terceira.
En canto aos varados, o campión foi Xosé Collazo do Campo da Feira-Paiosaco, a segunda posición foi para Juan Carlos, tamén do Campo da Feira e a terceira posición ocupouna Xan Rodiño do Lúa de Forza.
A Liga Nacional de Billarda mostrou o seu agradecemento aos medios de difusión (prensa, radio, televisión e prensa dixital) por esta tempada.