Ponteceso acolleu a emocionante 14ª xornada da liga Atlántica de Billarda Noroeste. O evento celebrouse no exterior do Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA) baixo un ceo nubrado e temperatura agradable.
Antes de iniciarse a xornada, houbo dous actos: entregouse un galardón a José Gándara Martínez polas súas 100 xornadas de billarda e o director do MELGA, Ricardo Pérez e Verdes, realizou o saque de honra.
Como anécdota do día, Lisa e Bruce, unha parella de Colorado (Denver), probaron a billarda ao lembrarlles a un xogo da súa terra e que grazas a un intérprete puideron gozar desta bonita experiencia.
En canto á 14ª xornada, os resultados foron os seguintes:
CATEGORÍA ABSOLUTA: Collazo, do Campo da Feira de Paiosaco, logrou o primeiro posto, sendo Xan Rodiño da Lúa de Forza de Sanxenxo segundo e David, do Cochiqueiros de Cerceda, terceiro.
CATEGORÍA FEMININA: A campioa da xornada foi Mercedes, da APB A Laracha, con Marisa de Lúa de Forza na segunda posición e Sonia de Cochiqueiros no terceiro posto.
CATEGORÍA INFANTIL: Ampla presenza de Campo da Feira con Lucas no primeiro posto e Abel como segundo clasificado, mentres que a terceira praza foi para Kevin da APB.
CATEGORÍA POR EQUIPOS: O vencedor da xornada foi o conxunto do Campo da Feira, con Cochiqueiros na segunda posición e APB na terceira.
Tras o encontro, gozouse da degustación de empanadas e sobremesa que trouxeron de Baio a familia de Valentín, así como a presentación oficial da sidra Mirándara, elaborada polos xogadores do Filloa de Sangue, Manuel Miranda e José Gándara.
A próxima xornada disputarase o 5 de xuño en Laracha.