A Liga Atlántica de Billarda (Noroeste) disputou a súa quinta xornada na Silva – Cerceda, no campo da Feira das Nenas e onde participaron un total de 51 palanadores, dos cales 10 foron mulleres.
A mañá foi agradable e con gran expectación por parte dos afeccionados que se achegaron ao lugar para gozar da billarda e que antes de comezar coa xornada realizouse unha charla sobre os protocolos Covid a seguir.
Os resultados da quinta xornada foron os seguintes:
Categoría Infantil: Vitoria de Kevin da APB A Laracha, con Óscar García de Cochiqueiros de Cerceda no segundo posto e Roy, tamén da APB A Laracha, ocupando a terceira praza na clasificación da xornada.
Categoría feminina: O primeiro posto foi para Lu da Lúa de Forza de Sanxenxo, mentres que a subcampioa foi Marisa, tamén do equipo de Lúa de Forza e o terceiro posto foi para Isabel do Campo da Feira de Paiosaco.
Categoría Absoluta: Xan Rodiño da Lúa de Forza proclamouse campión da xornada, seguido por Xosé Collazo do Campo da Feira como subcampión e Juan Carlos Cancela, tamén do Campo da Feira, como terceiro clasificado.
Equipos: O Campo da Feira volveu a vencer nesta xornada, quedando Lúa de Forza como subcampión e Filloas de Sangue da Coruña na terceira posición.
Despois de disputar as primeiras cinco xornadas, Campo da Feira domina a clasificación na categoría por equipos con 358 puntos. En canto a categoría absoluta, Xan Rodiño de Lúa de Forza ocupa a primeira praza con 105 puntos. Na categoría feminina, Isa do Campo da Feira ten a primeira praza con 37 puntos. Abel Ponte, do Campo da Feira, está na primeira posición da categoría infantil con 57 puntos.
A sexta xornada da Liga Atlántica de Billarda Noroeste xogarase en Pastoriza (Arteixo) o 28 de novembro.