A oitava xornada disputouse en Sada o domingo 23 de xaneiro nun día en que o bo tempo acompañou cun día soleado e no que o Concello de Sada colaborou de maneira sobresaliente para organizar dita xornada.
Os encargados da entrega dos trofeos foron o alcalde do Concello, Benito Portela, a concelleira de educación e deportes, María Nogareda e o técnico de deportes, Juan Devesa.
Foi unha xornada moi competida e tamén con moitas anécdotas, como a fichaxe do canario Luis durante quince días polo Campo da Feira de Paiosaco e a reaparición de Landras lucindo a indumentaria deportiva para a práctica da billarda.
En canto aos resultados da oitava xornada, temos os seguintes:
CATEGORÍA ABSOLUTA
O campión da xornada foi Xan Rodiño da Lúa de Forza de Sanxenxo, mentres que Óscar Ponte de Campo da Feira de Paiosaco ocupou a segunda posición e Martín Caneda, tamén da Lúa de Forza, a terceira.
CATEGORÍA FEMININA
A primeira praza foi para Lola do equipo Rinoceronte de Compostela, seguida por Delia de Chaínzos – Cadaval de Castro de Rei como segunda clasificada e na terceira posición Marisa de Lúa de Forza.
CATEGORÍA INFANTIL
Abel Ponte do Campo da Feira proclamouse campión da xornada, seguido na segunda praza por Kevin da APB A Laracha e Roi, tamén da APB, na terceira posición.
CATEGORÍA EQUIPOS
O equipo vencedor da oitava xornada foi o Campo da Feira, con Lúa de Forza na segunda posición e Filloas de Sangue da Coruña na terceira praza.
A novena xornada disputarase en Oleiros o domingo 13 de febreiro.