Tras un ano de ausencia, o Gran Fondo Ézaro volveu a celebrarse como o que é, unha das probas deportivas máis importantes de toda Galicia.
Así o demostrou a participación masiva, case 900 ciclistas, que a converteron na maior proba deportiva destas características que se organiza en Galicia dende a aparición do coronavirus e así o demostrou tamén a organización, que foi quen de asumir un evento desta envergadura reducindo o risco ao mínimo, xa que non houbo nin un positivo nas probas de antíxenos que se fixeron o día previo.
Tamén había restricións na saída, con máscara, e na meta, a onde chegaron 681 competidores, case o 75% do total. Os primeiros en facelo foron os do medio fondo (85 km), con Pol Ortega, Juan Luis López e o local Iván Ferradas ocupando as prazas do podio masculino, mentres que Barca Toba, Fanny Abelenda e Carmen Lens facían o propio no feminino tras subir as duras pendentes de ata 30% do ‘Muro’.
Pola súa parte, os competidores da longa distancia (151 km) aínda tiveron que continuar ata Muros para logo volver ao Ézaro subindo o porto das Paxareiras, o máis duro xunto co tramo final. Foi o profesional Samuel Blanco o máis rápido en superar ambos, deixando unha gran marca no Muro (08:28). Tras el, chegou a 19 segundos David Vaz, gañador das dúas anteriores edicións, e completou o podio Ángel Maneiro. No cadro feminino foron Sara Modrego, Patricia Leite e Ana García as tres primeiras en cruzar a liña de meta.
En canto ao transcurso da carreira, o pelotón rompeuse bastante rápido debido aos profesionais que pronto formaron o pelotón de cabeza, aínda que en termos xerais débese destacar o gran nivel medio que houbo nunha proba que contou co día perfecto para realizarse, con temperaturas medias e un pouco de vento, ideal para refrescar aos deportistas. “Saíron todos moi contentos un ano máis, aínda hai que salientar as dúas caídas que houbo nas que se romperon unha man e unha moneca”, di César Ferrío, técnico de deportes do Concello de Dumbría.
Por todo isto, tanto participantes como organizadores cualifican o evento como un éxito rotundo. “Estamos moi contentos de como saíu todo porque nos enfrontábamos a un evento totalmente distinto do que viñamos realizando xa que o protocolo da Xunta era bastante esixente e nós tamén queríamos facelo de forma totalmente segura”, destaca Ferrío, que confesa que tras o bo funcionamento e o gran resultado dos tests covid no día previo, xa respiraron máis tranquilos o domingo.
CLASIFICACIÓNS
Gran fondo masculino
Samuel Blanco: Tempo total: 4:19:32 // Muro: 08:28 // Paxareiras: 21:06
David Vaz: Tempo total: 4:19:51 // Muro: 08:46 // Paxareiras: 22:06
Ángel Maneiro: Tempo total: 4:20:48 // Muro: 09:45 // Paxareiras: 22:37
Gran fondo feminino
Sara Modrego: Tempo total: 5:20:17 // Muro: 15:35 // Paxareiras: 31:50
Patricia Leite: Tempo total: 5:56:49 // Muro: 21:54 // Paxareiras: 39:19
Ana García: Tempo total: 6:03:02 // Muro: 18:35 // Paxareiras: 38:56
Medio fondo masculino
Pol Ortega: Tempo total: 2:37:26 // Muro: 12:45
Juan Luís López: Tempo total: 2:37:32 // Muro: 11:42
Iván Ferradas: Tempo total: 2:38:14 // Muro: 12:24
Medio fondo feminino
Barca Toba: Tempo total: 3:04:14 // Muro: 15:12
Fanny Abelenda: Tempo total: 3:21:10 // Muro: 17:19
Carmen Lens: Tempo total: 3:22:50 // Muro: 22:09
BARCA TOBA: O ÚNICO PREMIO QUE QUEDOU NA CASA
Pese a celebrarse na Costa da Morte, a tremenda afluencia de competidores de primeiro nivel fai moi difícil ver a gañadores da nosa bisbarra en cada edición. Pero, por sorte, Barca Toba segue a amosar que nada ten que envexar ás mellores. A muxiá, que xa gañara a proba de medio fondo en 2019 na que era a súa primeira participación, fixo pleno ao volver a ser a máis rápida en acabar o tramo curto. O fixo en 3:04:14, case vinte minutos máis rápido que a segunda.
“Ata Muxía fun regulando porque sabía que o percorrido era máis complicado que anos anteriores polo desnivel, pero alí xa decidín apertar ate o final, incluso no muro”, confesa Barca, que pese a non saber en que posición ía sabía que estaba a facer un gran tempo, o que lle deixou grandes sensacións.
Pero, por riba de todo, quedou “moi contenta de volver a competir na Costa da Morte”, debido a ausencia de grandes eventos nos últimos quince meses. Por iso, quixo agradecer a organización todo o seu traballo: “Demostraron que aínda nestes momentos é posible facer probas desta envergadura facendo que o risco sexa mínimo. E iso, pode servir de exemplo para que se animen outros concellos e entidades”.
UN RECORRIDO MOI ESPERADO
É certo que no transcurso da carreira e do evento, todo se puido desenvolver con certa normalidade grazas ao enorme control por parte da organización da proba. Quitando os momentos con máscara e a ausencia da comida tradicional, os ciclistas so puideron botar en falta unha cousa, ao público. Un público que estabamos acostumados a ver en masa tanto no muro como por lugares do traxecto, pero que se reduciu esta vez a mínimos. Na foto vemos como estaban as rúas por Carnota e só no Muro do Ézaro melloraba a cousa cuns centos de afeccionados alentando aos bravos deportistas. Entre a ameaza de chuvia, as restricións e a crecente incidencia, moitos decidiron quedar na casa.
O PÚBLICO FOI O CAMBIO QUE MÁIS SE NOTOU
O que si volveu ao Ézaro foi a presencia de rostros moi coñecidos polos afeccionados ao deporte español. Óscar Pereiro (gañador do Tour de Francia en 2006), Samuel Sánchez (oro olímpico e subcampión do Tour en 2008) e David Blanco (gañador da Volta a Portugal en 2008) participaron nunha proba que xa acolleu a outros campións como Indurain, Perico Delgado ou Chiapucci. Hai que destacar que Samuel Sánchez quedou oitavo na xeral, despois de tres anos sen competir.
UN ANO MÁIS ATRAENDO AOS MELLORES
Xa desvelábamos na anterior edición de Bisbarra en Xogo que dende a organización levaban anos querendo chegar ata o cabo Touriñán para despois atravesar Muxía, pero o mal estado da estrada que conectaba Cee e a vila da Barca o facían imposible. Non obstante, tras o arranxo dese firme, os ciclistas puideron desfrutar de paisaxes tan fermosas como a contorna do Faro Touriñán, o santuario da Barca ou o paseo marítimo de Muxía. Tras iso, pasaron por Suxo, atravesaron a parroquia vimiancesa de Berdoias e volveron a entrar en Dumbría.