O VII Aberto das cereixas de billarda celebrouse no aparcadoiro fronte á gasolineira de Paiosaco, na que a boa tarde con ceos despexados e as caixas de cereixas cobraron protagonismo.
Na categoría absoluta, o campión da xornada foi Xan Rodiño do Lúa de Forza de Sanxenxo, con Eladio do Campo da Feira de Paiosaco como subcampión e Xián do Lúa de Forza como terceiro clasificado.
Na categoría feminina venceu Mercedes do Campo da Feira, mentres que o segundo posto foi para Marisa do Lúa de Forza e o terceiro para Raquel do Cochiqueiros de Cerceda.
Na categoría infantil gañou Valentín do Filloas de Sangue da Coruña, no segundo posto quedou Miguel Cancela do Campo da Feira e no terceiro Lucas de Cochiqueiros.
Ao final do torneo os equipos reuníronse para facer balance do ano e perfilar a tempada que ven onde moitos concellos están interesados en ter unha xornada de billarda.