JOSÉ PENA CANEDO: Bisbarra en xogo é unha realidade

O noso director, José Pena Canedo, dedicou na edición número seis unha carta a todos os lectores e seguidores de Bisbarra en xogo.

«É para min un gran pracer saudar a todos os lectores e seguidores da publicación deportiva Bisbarra en xogo, e especialmente a patrocinadores e colaboradores. Sen o voso apoio, este novo proxecto non sería posible. Como director da revista dirixida ao deporte da Costa da Morte e Arteixo, quérovos agradecer o gran apoio recibido nestes inicios da miña nova etapa profesional.

Síntome enormemente orgulloso e comprometido con todos, do mesmo xeito que de todo o equipo de persoas que me acompañan neste proxecto. Un equipo que coñecemos, vivimos e afrontamos este novo reto con moitísima ilusión, enorme compromiso e gran profesionalidade para ofrecervos un espazo deportivo da zona na nosa revista, web e redes sociais.

No mes de novembro demos saída ao número 1 da revista Bisbarra en xogo cun inmellorable debut. Foi en Santa Comba con motivo das melloras do céspede do campo Fontenla. Os primeiros exemplares da revista recibíronos os presidentes da Real Federación Española e Galega de Fútbol, Luis Rubiales e Rafael Louzán, e todas as autoridades e convidados alí presentes no acto. Todos eles tiveron nas súas mans a revista e puideron ler de primeira man os seus contidos. Desde esa data tan sinalada para nós, cada mes e con moitas dificultades debido á situación sanitaria vivida, fomos dando saída a 6 números máis, con 20.000 exemplares da revista nunha calidade extra e impresa a toda cor con portadas resistentes e plastificadas no alto brillo. A distribución chegou a puntos establecidos de 5 comarcas en 22 concellos.

Paso a paso, continuaremos mellorando e auguro que Bisbarra en xogo será unha realidade xornalística, ocupando un espazo deportivo para A Costa da Morte.

Agradecendo a todos a vosa confianza e apoio prestado, envíovos un afectuoso saúdo en nome de todo o equipo formado por Bisbarra en xogo.

Moitas grazas»

José Pena Canedo, director

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas