JUAN FRANCISCO LÓPEZ, «VENENO»: O que tivo, retivo

O presidente da SD Fisterra, Juan Francisco López López, “Veneno” (Fisterra, 1962), deu unha pequena exhibición de forma casual antes de comezar un domingo de fútbol, concretamente cando o equipo recibiu en Ara Solis ao Centro de Deportes Barco na fase de permanencia na Terceira División.

E fixo bo o refrán: “O que tivo, retivo”. Todo aconteceu de forma sinxela cando o presi foi a recoller varios balóns que estaban polo campo Ara Solis antes de comezar o choque previsto. Sen máis, exhibiu, nun momento dado, unha gran habilidade co esférico nos seus pés diante da bancada e ao ritmo que marcaban os tambores dos Rapacollon´s Big Band.

Non se pode esquecer que Veneno comezou a xogar na SD Fisterra á idade de 16 anos, e estivo dúas campañas nos xuvenís baixo as ordes de Juan Ramón. Ao seguinte ano xogou unha tempada no SDC Lariño, que era filial da SD Fisterra, club ao que regresou en Primeira Autonómica, con José Manuel López Canosa de adestrador. Seguidamente continuou a súa traxectoria futbolística na SD, na categoría de Preferente. O conxunto estaba adestrado por Manuel Oliveira Gómez “Manolín”. E Veneno ten a honra de ser un dos futbolistas históricos que disputou dúas ligas en Terceira División, baixo as ordes de técnicos como José Canosa (1980-1981) ou Jesús Baleato (1981-1982). A súa vinculación ca SD prolongouse novamente na liga de Preferente. Foron dúas campañas máis (1982-1983 e 1983-1984).

Despois de nove tempadas, Veneno colgou as botas, tiña 25 anos. Desde ese momento, a súa profesión, que era mariñeiro, fixo que se embarcase para o Gran Sol. Pero nos seus regresos a casa chegou a disputar algún que outro encontro, novamente en Preferente, posto que o equipo tiña falta de futbolistas e Veneno sempre estivo disposto a prestar o seu granito de area.

Veneno, de forte constitución, xogaba no posto de lateral zurdo. Era dos titulares indiscutibles. As calidades que exhibía sobre o terreo de xogo era rapidez, ser bo marcador, moi regular e, sobre todo, duro, moi duro, algo que lle marcaba claramente. Era dos clásicos futbolistas que sudaba a camiseta e o seu compromiso era claro ao pisar o céspede, fose o campo que fose, ou o rival que tivese en fronte.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas