Bruno Prego, “Doriño”: “O Xallas FC ten un peso moi grande no fútbol na Costa e ten que estar arriba o antes posible”

Falamos co seu técnico, Bruno Prego, “Doriño”, que compartiu a dirección do Xallas FC xunto a Jorge Quintáns, para coñecer o momento actual do equipo tras proclamarse campión da Terceira da Costa.

Como foi a celebración do título de Liga?

Celebrámolo na medida do posible por todo o alto, tiñamos unha pequena festa preparada, e aínda unha pena que non se puidera xogar o sábado, xa que queriamos compartir a ledicia en caso de vencer con todos os afeccionados e todos os locais de Santa Comba que nos apoian, pois aínda así celebramos o título no propio terreo de xogo e despois tamén unha vez chegados a Santa Comba dimos unhas voltas pola vila co camión do concello, as luces de Protección Civil e con toda a colaboración que nos deu o concello para celebrar este éxito. Posteriormente moitos xogadores quedaron ata altas horas da madrugada  en varios locais da vila.

Cales foron as fortalezas e as maiores virtudes neste éxito do equipo?

A fortaleza foi o traballo diario que se fixo dende o comezo da temporada, con boa organización, un plan perfecto das semanas de traballo, onde os xogadores aceptaron todo o traballo que se lles propuxo dende o corpo técnico. Non foi un traballo sinxelo, xa que fixemos un traballo acorde a unha categoría superior e creo que foi unha das maiores virtudes do equipo. Con todo, o mais importante da tempada foi ter un grupo unido de Santa Comba e sobre todo cos roles dentro do equipo moi ben asumidos. Todos os xogadores xogaron, cando tocaba xogar mais o fixeron e cando a algúns lles tocou xogar menos estiveron igual axudando e apoiando aos compañeiros. Por outra parte, comezar a tempada gañando tantos partidos consecutivos foi tamén moi importante para a moral do equipo.

Que supón para o Xallas FC o título de Liga e o ascenso a Segunda Galicia?

Creo que é un obxectivo que tíñamos marcado dende principio de tempada, igual non o de gañar a Liga porque sabemos que quedar campión é moi complicado, pero si o de intentar ascender, polo tanto ese obxectivo logrouse e sobre todo con xente da casa, incluso tamén con algúns xuvenís que participaron con nós nalgún dos partidos, o que é supón un orgullo tremendo para todos. O Xallas FC ten un peso moi grande no fútbol da Costa e penso que ten estar arriba o antes posible e como digo sempre, se pode ser con xente da casa pois moito mellor.

 Como se presenta o futuro a curto – medio prazo para o Xallas FC?

Pois primeiro temos que xogar estas catro xornadas que restan da Terceira Galicia, nas que temos como obxectivo finalizar invictos, aínda que vai ser complicado manter a concentración. No que se refire mais a medio prazo intentaremos xuntarnos coa Xunta Directiva e organizar ao equipo de cara a vindeira tempada, falar de altas e baixas e mirar de reforzarnos o mellor posible para o ano que ven na Segunda da Costa, sigo dicindo que con xente da casa. A partir de aí intentar facer un proxecto novo e sobre todo ambicioso no que o obxectivo principal será o de manter a categoría, pero queremos ser ambiciosos e mirar xa da media táboa para arriba e intentar na Fase de Ascenso, algo que sería ideal. Se non pode ser a próxima tempada, pois intentaremos que sexa para a seguinte, xa que tampouco e que teñamos moita presa, pero si que é verdade que queremos facer un proxecto ambicioso.

O cadro de xogadores do Xallas FC que conseguiu o título de campión da Terceira Galicia e o ascenso a Segunda Galicia foi o seguinte:

Porteiros: Couto e Fabián

Defensas: García, Chasky, Ramón, Peke, Michu, Juli, Pica, Erre

Centrocampistas: Rodri, Doro, Steven, Couto Jr., Asier, Forján, Nacho, Pana, Fidi, Cuns.

Dianteiros: Barbeira, Sande, Blanco, Roi, Rabelo.

Desde Bisbarra en xogo felicitamos a todos eles, unha felicitación que facemos extensible aos adestradores, Bruno Prego “Doriño” e Jorge Quintáns, xunta directiva, afeccionados, patrocinadores e a toda a familia do conxunto xalleiro.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas