BTT MONTE CASTELO: Vitoria de Álex González e Mar Delgado

Álex González e Mar Delgado volven impoñerse na segunda edición da BTT Monte Castelo, que organizou Tabeirón Deportivo Baio.

O carballés Álex González e a valdepeña Mar Delgado (está a vivir en Betanzos desde fai mais de 12 anos), ambos do Club Ciclista Monte Neme, volveron impoñerse no II BTT Monte Castelo, que organizou sobresalientemente Tabeirón Deportivo Baio. A cita deportiva tivo unha excelente participación, xa que finalmente tomaron a saída 427 ciclistas dos 500 rexistrados nas dúas distancias: a longa, de 55 quilómetros, e a curta, de 36. Se eles venceron na longa, o soneirán Manuel Domínguez, do Club Ciclista Dumbría, e a laxense Carlota Pazos, do Tríatlon Costa da Morte, fixeron o propio na distancia curta.

O intenso frío que tiveron que soportar os participantes antes do comezo da proba viuse compensado ao final por unha extraordinaria churrascada que tiñan preparada os organizadores na Carballeira de Baio, lugar da saída e meta. Nesta proba participaron máis de 70 voluntarios, así como as dotacións de Protección Civil dos concellos polos que transcorreu a proba: Zas, Cabana, Laxe e Vimianzo. Así como a Policía Local de Zas. Se a primeira edición, que tivo lugar no 2019, foi esixente, nesta segunda, a dificultade foi máxima, algo que fixo que os participantes tivesen que empregarse a fondo para concluír a cita. Todos destacaron ese detalle, aínda que o asumiron deportivamente.

O operativo montado por Tabeirón foi tal, que o accidentado de maior calado, o do baiés Manuel Mira, que fracturou unha clavícula, foi atendido rapidamente, a pesar de que a ambulancia non puido chegar ao lugar do accidente na zona de Coens.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas