CALVO BASKET XIRA: Visita ao Ucoga CB Chantada na quinta xornada da Liga EBA

O Calvo Basket Xiria xogará por segunda vez nesta tempada 22/23 co CB Chantada (tendo en conta a final da Copa Galicia), nun encontro en que os carballeses estan máis rodados, pero sabedores do potencial que teñen os chantadinos e máis na súa propia cancha.

Difícil o desprazamento do Basket Xiria na Liga EBA esta fin de semana, que corresponde xogar contra un dos equipos máis “duros”, o Ucoga CB Chantada no Pavillón Municipal de Chantada, que ademais é líder xunto á Cultural Leonesa.

O CB Chantada é un equipo moi competitivo e que leva anos cun núcleo dos mesmos xogadores, pero os carballeses intentarán elevar o seu nivel de xogo e poñerlle ao rival o partido difícil. Para iso, terán que dar o mellor de si na pista durante os corenta minutos do encontro e cumprir ao 100% o plan de partido que Héctor Méndez levou a cabo nesta semana, a falta do derradeiro adestramento de hoxe venres.

Esta semana, a falta de coñecer se se contará con todo o persoal, o equipo mantivo un alto ritmo de adestramentos e concentración que lles servirá para estar no partido e pelexar nunha difícil pista, ante un dos equipos máis veteranos (en anos de permanencia) na Liga. Os carballeses intentarán unha vez máis loitar e chegar ao final do partido preto do rival para intentar vencer e dar una nova sorpresa, coma xa fexésemos hai 15 días en Gijón.

O CB Chantada anota unha media de 80 puntos e reciben tan só 60, mesma media que a que recibe o Calvo Basket Xiria. Teñen entre os seus xogadores destacados a Daniel F. Stefanuto e Carlos Noguerol, ambos ex-xogadores da LEB OURO, ao MVP da Copa Galicia celebrada en Carballo, o pivote Cristian Iglesias e tamén a vellos coñecidos do equipo carballés, como Alioune Senghor, ex-xogador do Calvo Xiria na tempada 19/20.

Info e foto: Basket Xiria

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas