O Basket Xiria arrincará a súa oitava tempada en Liga EBA como visitante enfrontándose oa Obradoiro Ames o domingo no Pavillón Municipal de Milladoiro ás 17:30h.
Logo dos partidos da Copa Galicia EBA e do subcampionato obtido, o equipo de Héctor Méndez volveu a adestrar logo dunha xornada de descanso, o pasado luns, con todos os xogadores dispoñibles, sen novidades e coñecedores de que o Obradoiro Ames non será o mesmo contra o que xogaron o pasado mes na Copa Galicia, xa que o adestrador local ten a todo o seu persoal dispoñible.
O Calvo Basket Xiria vai con moitas gañas e ilusión de comezar nesta ilusionante tempada, neste caso visitando o Pavillón Municipal do Concello de Ames, onde os santiagueses debutarán nesta tempada. Por outra banda, o encontro, como de costume no conxunto obradoirista, é un domingo á tarde (17:30h), como en tempadas pasadas.
Os carballeses teñen moi claro que xogarán contra un equipo que a tempada pasada estivo a punto de ascender á LEB Prata, pero volverán a facer o seu xogo rápido, dinámico e cunha forte defensa, que lles de opción de estar dento do partido, sen ningún complexo e intentarán dar unha nova sorpresa, repetindo vitoria como a do pasado mes contra este mesmo equipo en Copa Galicia.
A vindeira semana, o Calvo Basket Xiria xogará en carballo contra o Porriño Baloncesto.
O Calvo Basket Xiria está encadrado na Liga EBA, grupo A-B, con 14 equipos (28 no total da Conferencia “A”), dos cales son galegos a metade (7): Santo Domingo Betanzos, Obradoiro Ames, CB Chantada, Porriño Baloncesto, Marín Peixe Galego, Bosco Ourense e o propio Basket Xiria. A competición nesta Liga EBA, Grupo A-B rematará o 22 de abril, con 4 equipos descendidos por cada grupo, e o 1 primeiro clasificado da cada un deles, xunto co 2º mellor (que se escollerá nunha final a catro), xogando polo ascenso a LEB Prata.
Info e imaxe: Basket Xiria