CARBALLO: Volve a Carreira Popular 10K e o Trail Race

Os grandes eventos deportivos regresarán a Carballo no ano 2022 coa Carreira Popular 10K e o Trail Raice. 

A Concellaría de Deporte convocará ás entidades deportivas para programar e coordinar o calendario de eventos.

Carballo recuperará no 2022 dous grandes eventos que non puideron levarse a cabo nas últimas edicións debido á pandemia. O inminente levantamento da emerxencia sanitaria por parte da Xunta de Galicia permitiranos volver a celebrar as carreiras populares Carballo Trail Race e 10K, que ademais xa teñen datas reservadas no calendario: a primeira está programada para o 6 de febreiro e a segunda, para o 5 de xuño.

A última edición da Carballo Trail Race celebrouse en febreiro do ano 2020, pouco antes da declaración do estado de alarma, pero neste 2021 xa non puido levarse a cabo. A carreira, na que contamos coa colaboración da Asociación Deportiva Media Ducia, ten a particularidade de que une deporte e natureza, e permite que centos de participantes compitan nunha proba de running por camiños e paisaxes espectaculares tanto do interior coma do litoral do noso concello. Permanecede atentos ás redes sociais da Carballo Trail Race e de Carballo Deporte para non perdervos nada.

Outra cita clásica de Carballo, que na súa última edición acadou as 1.418 inscricións, é a 10K. A nosa carreira urbana celebrouse por última vez no ano 2019, polo que a expectación ante a próxima edición é máxima. Neste caso os/as corredores/as participan nunha proba homologada de 10.000 metros por un circuíto urbano. A medida que se achegue a data iremos dando conta de prazos, percorridos e todo tipo de datos sobre a carreira.

Xunto a estas dúas importantes citas organizadas polo Concello de Carballo, nos vindeiros meses terán lugar moitos outros eventos deportivos programados tanto dende o servizo municipal coma dende o movemento asociativo. Neste sentido, dende a área de Deporte realizarase unha convocatoria das asociacións e clubs do concello para elaborar un calendario e coordinar os eventos que se vaian realizar no 2022.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas