O pavillón municipal Campo da Serra e as instalacións do Centro Cívico Social da Solaina acollerán a vindeira semana, os días 9, 10 e 11 de decembro, a segunda e última xornada do “Circuíto preestatal zona norte de tenis de mesa”.
O alcalde accidental de Narón, Manuel Ramos, presentou a cita deportiva xunto co edil de Deportes, José Oreona, e o presidente do Club Tenis de Mesa Narón, Fernando Montero. Ramos destacou que este evento reunirá na cidade a uns 350 participantes procedentes de diferentes comunidades autónomas.
Montero explicou que os deportistas disputarán as categorías: benxamín, alevín, infantil, xuvenil, sub 21, senior, veteráns masculinos maiores de 40, 50 e 60 anos, veteranas e persoas con discapacidade física e intelectual. Os deportistas proceden, ademais de Galicia, de Asturias, País Vasco, Navarra, La Rioja e Aragón. O presidente do Club Tenis de Mesa Narón destacou que “Narón volverá a converterse nun polo de atracción do mellor tenis de mesa a nivel autonómico e nacional”.
Os representantes do goberno local agradeceron o traballo do club local e o respaldo desta convocatoria, tanto por parte doutras administracións como de empresas. Así mesmo, animaron á cidadanía a desprazarse nesas datas ao pavillón Campo da Serra e o Centro Cívico Social da Solaina para desfrutar do evento.
Info e fotos: Concello de Narón