O Concello da Laracha comunicou o inicio do Campus de Fútbol do programa municipal de actividades de verán coa participación de 60 rapaces repartidos en grupos de idade entre os campos Municipal da Laracha e A Porta Santa de Paiosaco. O prazo de inscrición permanece aberto en gran parte das propostas infantís e xuvenís.
A primeira das propostas incluídas no programa municipal de verán de actividades culturais e deportivas xa está en marcha. Onte comezou a desenvolverse o campus de fútbol que se leva a cabo por décimo terceira vez. Os sesenta participantes foron divididos por grupos de idade, cos de cinco a dez anos realizando a actividade no Campo Municipal da Laracha e os de once a dezaseis anos, no Campo A Porta Santa de Paiosaco. En ambos casos o campus terá lugar a diario ata o venres en horario de 10:30 a 13:30 horas.
O Concello asume integramente os gastos da actividade, polo que a inscrición foi gratuíta para os participantes. Todos eles están a realizar, baixo a supervisión de técnicos e monitores especializados, diferentes exercicios lúdico-deportivos sempre coa práctica do fútbol como marco referente. Ademais de divertirse, os rapaces poden mellorar as súas calidades físicas, técnicas e tácticas.
Onte os nenos e os monitores recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e dos concelleiros Rocío López e Pablo Cambón.
Campo Municipal da Laracha
Campo A Porta Santa de Paiosaco
OUTRAS ACTIVIDADES DO PROGRAMA
O prazo de inscrición permanece aberto na maior parte das actividades do programa de verán. Soamente están pechados en aquelas que teñen todas as prazas outorgadas por orde de inscrición cubertas (karts, surf infantil e paintball infantil) e no campamento summer camp, no que onte foi o último día para anotarse e as prazas dispoñibles serán adxudicadas no sorteo público que se realizará este mércores ás 12:00 horas na Casa da Cultura da Laracha.
Tanto acudindo ao Concello como cubrindo o formulario dispoñible na web municipal as persoas interesadas aínda poden apuntarse a actividades infantís como o campus de baloncesto (26 ao 30 de xullo no pavillón Municipal da Laracha), Humor Amarelo na Coruña (14 de xullo), inchable banana acuática en Gandarío (3 de agosto) e a visita ao museo etnolúdico de Ponteceso (20 de agosto).
Para o público xuvenil e a adulto aínda hai prazas dispoñibles en todas as actividades: barranquismo no río Almofrei (5 de agosto), kaiak e paddle surf en Gandarío (12 de agosto), Humor Amarelo na Coruña (17 de agosto), surf en Caión (26 de agosto) e nos obradoiros de beatbox, breakdance e freestyle football que terán lugar o 10 de setembro na Laracha durante a celebración da xornada de cultura urbana.