O Concello porá en marcha unha novidosa iniciativa dirixida a promover entre a poboación os estilos de vida saudables a través da práctica da actividade física.
Trátase dun obradoiro de iniciación á marcha nórdica, unha modalidade de exercicio ao aire libre consistente en camiñar coa axuda e impulso de bastóns e que ten a súa orixe no esquí de fondo.
A xornada que organizará o Concello desenvolverase o sábado 9 de abril na área recreativa de Gabenlle en horario de 10:30 a 13:00 horas. A finalidade é que as persoas asistentes poidan coñecer a técnica de emprego dos bastóns, comprender os principais fundamentos saudables desta disciplina (centrados na mellora da coordinación e do equilibrio, así como na descarga das articulacións) e valorar os espazos dispoñibles no termo municipal da Laracha para a práctica da marcha nórdica.
A inscrición abrirase hoxe. Débense formalizar no departamento de Deportes. As prazas son limitadas están restrinxidas a persoas empadroadas no termo municipal da Laracha.
A iniciativa vai dirixida a persoas adultas e tamén a rapaces maiores de doce anos que acudan acompañados por un adulto. A organización porá a disposición dos participantes o material necesario para o desenvolvemento da actividade.
Información e imaxe: Concello da Laracha