O Concello de Carballo inicia con forza o curso deportivo 2024/25, consolidándose como un dos municipios máis activos no fomento da práctica deportiva.
Con máis de 7.600 persoas realizando actividade física nas instalacións municipais, Carballo reafírmase como un referente en Galicia para a promoción do deporte, tanto a nivel de base como federado. Destas persoas, case 5.000 están abonadas aos servizos deportivos xestionados directamente polo Concello. Cada semana celébranse 115 clases de actividades dirixidas, destacando dous programas de especial relevancia:
ESCOLA DE NATACIÓN INFANTIL E PROGRAMA DE EXERCICIO FÍSICO PARA MAIORES
A escola de natación infantil, con 654 alumnos, e o programa de exercicio físico para maiores, que chega tamén ás zonas rurais, cunha participación de 683 persoas. Este último reforza o compromiso do Concello de Carballo coa saúde e o benestar dos maiores, facilitando a accesibilidade á práctica deportiva en todas as áreas do municipio.
APOIO DO CONCELLO DE CARBALLO ÁS ENTIDADES LOCAIS
No tocante ao deporte federado, máis de 2.600 deportistas utilizan regularmente os equipamentos deportivos municipais, e cada fin de semana dispútanse preto de 50 partidos de competición federada oficial, consolidando a oferta deportiva de Carballo e o seu apoio ás entidades locais.
O apoio do Concello de Carballo ao deporte non só se manifesta na xestión de instalacións e programas, senón tamén cun forte compromiso financeiro. En 2024, destináronse 266.000 € en subvencións ás entidades promotoras de actividades deportivas, o que reforza o tecido asociativo local e contribúe á continuidade da actividade deportiva. A isto súmase a cesión gratuíta das instalacións deportivas, valorada en máis de 600.000 €, facilitando o acceso dos deportistas e clubs a infraestruturas de primeiro nivel.
Con esta aposta decidida polo deporte, o Concello de Carballo segue promovendo un estilo de vida saudable para todos os seus veciños e consolidando a súa posición como exemplo de fomento do deporte en Galicia.