A LVII Copa da Costa chegou ao seu punto culminante coa disputa o próximo domingo da final entre a SD Esteirana, campión de Segunda da Costa, e a SD Fisterra, conxunto de Preferente Galicia. Ambos os equipos chegan despois de caer no camiño varios dos claros candidatos a estar nese último encontro.
Un total de 36 equipos comezaron esta edición da tempada 2021-2022, nun torneo que volve ao panorama despois de dous anos sen celebrarse pola pandemia do COVID-19. As sorpresas, no seu momento, foron a eliminación do Xallas (Preferente Galicia), na rolda de dezaseisavos de final; así como Corme CF (Primeira Galicia), Dumbría CF (Primeira Galicia), Puenteceso SD (Primeira Galicia), Mazaricos CF (Primeira Galicia) e CD Baio (Primeira Galicia), en oitavos de final.
INCIDENCIA EN LOURO
O aliciente de disputar a eliminatoria a un partido e no campo de menor categoría deu un plus para as sorpresas, e, salvo poucas excepcións, os marcadores foron moi axustados, o que indica que a igualdade foi a tónica predominante. A única incidencia ao longo do torneo foi a vivida no campo de Louro entre a UD Monte Louro e a SD Esteirana, xa que o partido do pasado día 19 tivo que suspenderse nada máis comezar por un encontronazo fortuíto entre o local Pablo Vidal e o visitante Alberto Codesido. Ambos son os capitáns dos seus respectivos conxuntos. O primeiro recibiu unha brecha na cabeza (sete puntos de sutura) e o segundo quedou conmocionado, polo que foi evacuado en ambulancia do terreo de xogo e aplicáronlle seis puntos na súa cella dereita. Ambos os equipos decidiron suspender o encontro, que se renovou o pasado día 24.