Os ferroláns caen en semifinais da Copa Galicia con dignidade por 2-6 ante o conxunto de Primeira Federación Futsal e que loita en postos de playoff, o Noia Portus Apóstoli.
Os de Juanma Marrube saíron co quinteto formado por Coro, Hélder, Adri, Novoa e Kevin Chis, mentres que os de Marlon Velasco saíron con Henrique, Raggiati, Altamirano, Edu Jabá e Gomes.
Adiantouse no primeiro minuto o Noia nunha boa acción individual de Bruno Gomes cun disparo preciso axustado ao pau. Cos ferroláns xogando con porteiro-xogador en busca do empate, unha perda propiciou a contra visitante que rematou co segundo tanto do Noia con gol de Adri en propia.
O Noia estaba a dominar o encontro con chegadas perigosas nas que Coro tiña que sacar o seu mellor repertorio de paradas. O Parrulo tivo unha boa oportunidade de recortar distancias cun disparo de Adri que lograba rexeitar Henrique.
A falta de cinco minutos para chegar ao descanso, Adri puxo un balón cruzado ao que non chegou por moi pouco Kevin Chis. Pero tres minutos despois, O Parrulo non perdoaría, Adri filtraría un bo pase para Novoa e fusilaría a portería rival para poñer o 1-2. Os ferroláns tiveron dúas oportunidades a falta de poucos segundos para chegar ao descanso nas botas de Charly e posteriormente de Orzáez, pero ao final, marchariamos ao descanso co 1-2.
No primeiro minuto da segunda metade o Noia volvería a abrir distancias tras un lanzamento de falta. O Noia volvía a dominar o encontro e no minuto 24′ Nico Rosa lograría o cuarto tras rematar de cabeza un bo centro lateral.
Machado tivo o quinto nas súas botas cun man a man ante Coro e que o porteiro local lograba rexeitar. Tras varias oportunidades de ambos os conxuntos, o Noia sumaría o quinto da noite por medio de Gomes tras unha gran xogada colectiva ao primeiro toque.
O Parrulo recortaría distancias cun golazo de Adri tras un gran disparo á escuadra desde lonxe e ante o que nada puido facer Henrique. O Noia non tardaría en reaccionar e tras un gran pase de Pirata, Raggiati superaba a Coro no man a man para facer o 2-6. Keita gozou dunha boa oportunidade tras roubar o balón, pero o seu disparo golpearía no pau.
Ao final, o resultado quedaría en 2-6 cun O Parrulo que loitou ata o último segundo ante un equipo de Primeira como é o Noia Portus Apóstoli, que xogará a final da Copa Galicia ante o CD Lugo Sala, que derrotou ao Outeiro de Rei SD por 2-8.
Unha das boas noticias da noite de onte é que O Parrulo recuperou a Domingos tras un longo período de baixa por lesión.
RESULTADO: O Parrulo Ferrol 2-6 Noia Portus Apóstoli
O PARRULO: Coro, Hélder, Adri, Novoa e Kevin Chis; tamén xogaron Rubén Orźaez, Charly, Keita, Domingos, Noel, Pansi e Turbi.
NOIA PORTUS APÓSTOLI: Henrique, Raggiati, Altamirano, Edu Jabá e Gomes; tamén xogaron Pirata, Machado, Lluc, Alisson, Douglas., Álex García, Hozjan e Nico Rosa.
GOLES: 0-1 Gomes (1′), 0-2 Adri (4′ en propia), 1-2 Novoa (18′), 1-3 Pirata (20′), 1-4 Nico Rosa (24′), 1-5 Gomes (29′), 2-5 Adri (32′), 2-6 Raggiati (35′).
ÁRBITROS: Borja Darriba Villamor e Javier Menéndez Nistal. Amoestou a Adri, Kevin Chis, mentres que polos visitantes amoestou a Machado.
INCIDENCIAS: Partido correspondente ás semifinais da Copa Galicia no Pavillón de A Malata.