Os ferroláns encadean catro empates consecutivos tras o 4-4 ante o ATP Iluminación Ribera Navarra nun encontro vibrante de principio a fin.
A 21ª xornada da elite do fútbol sala español deixounos un bonito duelo no que non faltaron os goles, a intensidade e a emoción ata o asubío final, cun O Parrulo que selou o seu cuarto empate consecutivo, un punto máis que o achega a consolidar a permanencia, e un colista ATP Iluminación Ribera Navarra que demostrou que pode dar guerra pola salvación.
Non entrou fino O Parrulo no partido e, tras uns minutos de tanteo, o conxunto navarro adiantouse no marcador logo dunha boa triangulación que culminaba Fabinho rematando no segundo pau de maneira sutil para bater a Mati Starna. O tanto espertou aos ferroláns, que acariciaron o empate tras unha contra de Gonzalo: o seu remate tapouno Raúl e, tras varios rebotes, o balón estivo a piques de meterse en propia porta, pero a defensa visitante conseguiu despexar sobre a liña de gol. Esta ocasión deulle ás aos locais, que volveron ter outra moi clara cun lategazo de Jhoy desde longa distancia que obrigou a Raúl a voar para evitar o gol. O Parrulo asediaba sen parar e finalmente conseguiu igualar no electrónico tras un centro raso de Rubén Orzáez que Joao introducía na súa propia portería.
Co empate no marcador, o ritmo dos ferroláns non baixou e estiveron a piques de poñerse por diante nunha dobre ocasión de Gonzalo e Penezio, pero Raúl respondeu con solvencia. O partido estaba a ser tan intenso que, con algo menos de nove minutos por xogarse, os locais acumulaban catro faltas por cinco dos visitantes. Juanito, vendo o asedio ao que estaba sendo sometido o seu equipo, optou por sacar a David como porteiro-xogador nun par de ataques para tratar de encerrar aos ferroláns e controlar máis o balón, pero os de Gerard Casas resistiron o envite con firmeza.
A cinco minutos do final do primeiro tempo, O Parrulo púxose por diante no marcador tras un dobre penalti executado maxistralmente por Diogo. Case sen tempo para celebralo, o propio Diogo volvería lanzar outro dobre penalti, pero nesta ocasión sería o gardameta quen gañaría o duelo. E o fútbol ás veces é caprichoso: dunha área pasouse á outra cando os colexiados sinalaron penalti de Starna por derrubar ao rival. David executou a pena máxima e bateu a Caio César.
Co empate no marcador, o partido estaba completamente tolo. Turbi tivo unha moi clara e posteriormente os locais dispuxeron doutro dobre penalti, pero de novo Diogo non estivo acertado e o seu lanzamento marchou fóra rozando o pau. O Parrulo seguía rondando o gol e contou con outra ocasión clara nunha condución de Malaguti que rematou Novoa, estrelando o balón no corpo de Rubén. Con esta acción remataban os primeiros vinte minutos co empate no electrónico.
O segundo tempo comezou cos dous equipos moi intensos nas tarefas defensivas e sen deixar espazos, o que provocou que nos primeiros cinco minutos non houbese ocasións claras. Co paso do tempo, O Parrulo foi asumindo o control do xogo e volvería poñerse por diante no marcador. Gonzalo recibía de costas, gañaba uns metros cara á portería rival e atopaba o oco suficiente para soltar un canónazo case sen ángulo que se coaba tocando no longueiro. O equipo tudelán volvería igualar a contenda tras un erro de Starna, que elevou o balón e o seu pase foi interceptado por Fabinho para marcar desde o seu propio campo.
A tres minutos do final, o VIR volveu ser protagonista tras unha segunda cartolina amarela a Mati Starna, que finalmente os colexiados anularon tras a revisión e lle mostraron a Gonzalo por evitar unha contra. O partido podía caer para calquera lado: O Parrulo parecía dominar máis o xogo, pero o conxunto tudelán defendía con uñas e dentes e saía con moita forza á contra. Os navarros xogábanse a vida e Juanito decidiu saír con porteiro-xogador nos últimos ataques.
Cando parecía que o partido remataría 3-3, chegou un último minuto tolo. Primeiro, Rubén Orzáez roubaba o balón e conseguía marcar desde longa distancia, pero a continuación os tudeláns volvían empatar co definitivo 4-4 por medio de Terry. Con este resultado, O Parrulo asinou o seu cuarto empate consecutivo e o seu próximo compromiso será visitando ao líder da división, ELPozo Murcia, o venres 13 ás 19:15 horas.
O PARRULO: Mati Starna, Rubén Orzáez, Jhoy, David Novoa e Gonzalo; tamén xogaron Malaguti, Diogo, Vukmir, Turbi, Morgato, Penezio, Iván Rumbo e Caio César.
ATP ILUMINACIÓN RIBERA NAVARRA: Raúl, David, Joao, Eric e Fabinho; tamén xogaron Mykytiuk, Gustavao, Anás, Sepe, Pablo Otero e Terry.
GOLES: 0-1 Fabinho (4′), 1-1 Joao (9′ en propia), 2-1 Diogo (15′ dobre penalti), 2-2 David (16′ penalti), 3-2 Gonzalo (25′), 3-3 Fabinho (31′), 4-3 Rubén Orzáez (39′) e 4-4 Terry (39′).
ÁRBITROS: Diego Corredor, Ricardo García-Carpintero, Jorge Otero (árbitro 3) e Berta García (cronometradora). Amoestaron aos locais Novoa, Mati Starna, Gonzalo e Rubén Orzáez, e aos visitantes Mykytiuk, Gustavao, Joao e Paulo.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 21ª xornada da Primeira División de Fútbol Sala celebrada no Pavillón A Malata.
Foto: sadmoody241




