Baixo os tres paus do Cultural Maniños atópase Marcos Amado Pereira (Narón, 2000), gardián implacable na súa segunda tempada co club.
Formado nas categorías inferiores do Racing e despois no Val, Marcos combina reflexos felinos cun xogo de pés preciso, sempre listo para organizar a súa defensa e animar ao equipo cando máis o necesita. A súa presenza inspira seguridade, pois non só detén balóns, senón que lidera desde a portería, sendo un dos corazóns da resistencia do conxunto fenés.
Como vives os minutos previos a un encontro?
Pois con bastante calma, aínda que sempre tes esas bolboretas na barriga, tamén, previsualizando as posibles situacións que poidan suceder durante o encontro para tratar de solventalas o mellor posible, minimizando erros.
Que valores intentas transmitir desde a portería?
Pois trato de dar tranquilidade, atrevemento, loita e entrega, aínda que este ano está a ser algo complicado debido á nosa situación. Co adestrador de porteiros sempre tratamos de ver onde podemos mellorar e poder axudar ao equipo do mellor xeito.
Que reto persoal che gustaría superar esta tempada?
O maior non é persoal, xa que sería conseguir a salvación, pero por dicir algo, pois mellorar individualmente respecto a anos anteriores, cousa que, segundo o que vexo, estou acadando, e a verdade, síntome bastante satisfeito.
Foto: sadmoody241




