O ataque polo flanco esquerdo do Paiosaco ten como protagonista a Daniel Fernández Carnota (A Coruña, 2001), un puñal veloz, con desborde e letal na área que se formou no Victoria coruñés, co que chegou a formar parte do primeiro equipo, ademais de militar nos xuvenís do Racing Club Ferrol, cumprindo este ano a súa terceira estancia no cadro peisaqués.
Que destacas máis destes tres anos no Paiosaco?
O que máis destaco é, sen dúbida, todo o grupo humano que rodea ao club. Todas as persoas da directiva que nos facilitan todo, os xogadores que levan anos e anos no club e acóllente desde o primeiro día como un máis, e por suposto, eses afeccionados que che dan agarimo e acompáñannos alá onde vaiamos.
Que compañeiro te está sorprendendo máis no que vai de tempada?
Non podería quedarme cun, quedo coa mentalidade e o traballo de cada un que cada día vai a máis e que é o que vai facer que vaiamos saíndo da situación na que estamos.
Como manexas a presión nos momentos decisivos?
Creo que a presión, no meu caso, faime dar sempre máis do que teño, e iso faime dar un pasito máis. Creo que funciono mellor baixo presión, a relaxación fai en min baixar o nivel. Considero que todo é mental e saber esixirse a un mesmo tamén é unha forma de aprender a traballar baixo presión.
Foto: fotoschimpi




