O lateral Daniel Lamas Toimil (Narón, 2006) leva sete anos portando a elástica do Balonmán Narón, achegando xuventude, traballo, o seu lanzamento exterior e compaxinando coa responsabilidade de adestrar e inculcar valores á base, logrando na pasada campaña a Liga Prata cos alevíns, aos que esta tempada adestra en infantil.
Que sentimentos esperta vestir a camiseta do club naronés?
Faime sentir que son parte dunha gran familia, a cal me enche de orgullo formar parte dela. Foi unha das mellores decisións que puiden tomar, aínda que vivimos moitos anos complicados para o club debido a que a nosa xeración era o único equipo da base.
Como ves ao equipo para esta tempada?
Esta tempada para o equipo creo que vai ser un punto de inflexión co ano pasado, xa que eramos un equipo novo como quen di, porque os xuvenís chegabamos ao equipo senior, pero este ano imos cunha mentalidade diferente, xa que estamos case adaptados ao completo para pelexar a entrada á final four.
Que é o mellor de adestrar á base?
Para min foi unha oportunidade que, cando se me deu, non dubidei en facelo. O primeiro ano foi complicado, xa que non tiña moita experiencia, pero ao ano seguinte formamos un equipo do cal hai que estar orgulloso e víronse os resultados na pista. Este ano estoume dedicando a adestrar ao equipo infantil, o cal está formado polos alevíns do ano pasado e algún infantil de segundo ano. Sempre tratamos de inculcar todos os valores que nos inculcaron a nós nas nosas etapas base e é un orgullo que a día de hoxe contemos cun gran número de equipos nas nosas etapas base.
Foto: sadmoody241




