Todo equipo sempre ten ao seu gardián baixo paus, o seu último e máis importante defensor, ese muro que impide anotar aos rivais con grandes paradas e reflexos, e que ten unha vista periférica de toda a cancha. Nese rol está Antonio Mato Gómez (Carballo, 1999), un xogador que dedica toda a súa vida deportiva ao Balonmán Xiria, saído da canteira, que por temas de estudos non puido disputar a pasada tempada, pero nesta volveu defender a portería carballesa.
Que inspirouche a elixir a portería como o teu rol?
Pois desde que empecei a xogar a balonmán con 6 anos sempre tiven curiosidade por ser porteiro e sempre me ofrecía voluntario para quedar de porteiro. En benxamíns e alevíns non tiñamos ningún posto asignado, pero si que é verdade que eu sempre que podía elexía a portería e foi a partir de infantís cando xa me decidín que prefería a portería antes que calquera outra posición. Pero, en definitiva, máis que unha inspiración, creo que foi porque era o posto no que máis gozaba desde pequeno.
Como te sentiches defendendo novamente a portería carballesa?
Pois por mor do parón do ano pasado, a nivel de vestiario teño que dicir que foi moi fácil porque coa maioría dos compañeiros xa levaba varios anos compartindo vestiario e por tanto xa nos coñeciamos e facilitoume moitísimo volverme a integrar no equipo. A nivel deportivo, pois foi un proceso máis lento, pero grazas ao esforzo do día a día e á axuda dos meus compañeiros e do corpo técnico, puiden ir aos poucos tendo mellores sensacións para tentar achegar ao equipo o máximo posible.
Como vive os partidos un porteiro de balonmán?
Pois eu persoalmente vivo moito este deporte e, por tanto, cada partido o vivo con moita intensidade. Si que é verdade que na portería tento estar tranquilo e coa cabeza fría para tentar achegar o máximo posible ao equipo, pero a paixón e as ganas co que o vivo ás veces fanme xogar unha mala pasada. Pero día a día tento mellorar esa parte mental para tentar que esta paixón non me faga irme dos partidos. Cabe dicir, que o ano pasado que estaba na bancada animando aos meus compañeiros e non no campo, vivíao con moitos máis nervios que se estivese no banco ou no campo.
O Xiria aposta moito pola canteira, cal é a clave de que saia tanto talento da base?
Pois sinceramente, creo que a clave é o traballo, día si e día tamén, por parte da directiva, dos adestradores e sobre todo dos nenos e nenas. A estrutura do club aposta por dar prioridade aos nenos e nenas desde que empezan de pequenos, ofrecendo unhas condicións de adestramento que a longo prazo fan que se saquen xogadores de talento. Todo isto, xunto aos valores que se inculcan sobre a filosofía deste club, fai que os nenos/as véxanse capaces e soñen co día de mañá poder formar parte do primeiro equipo ou mesmo de aspirar a retos aínda maiores.
Foto: fotoschimpi




