Dani Vázquez: “O Coristanco xa é parte de min”

No mundo do fútbol hai xogadores que son especiais, que dedican a súa vida deportiva a defender as cores dun club, que coñecen a casa á perfección e déixanse a alma polo seu escudo, e neste bloque atopamos a Daniel Vázquez García (Coristanco, 1999), o mediocentro do conxunto coristanqués.

É todo un director de orquestra que achega equilibrio á medular, intenso na recuperación de balóns, organización na saída do xogo e que, ademais, ten un bo repertorio de habilidades que lle permiten ver portería con moita facilidade. A súa entrega ao club da súa vida é total, pois non só exerce como xogador, senón que tamén se desempeña como adestrador dos cadetes.

Que significa para Dani Vázquez portar a indumentaria do Coristanco?
Vestir a camiseta do Coristanco é todo para min, dende que tiña 6 anos, cando arranquei no mundo do fútbol ata agora, a miña vida deportiva transcorreu aquí, en Coristanco. Coñecín a moita xente, fixen moitos amigos e en xeral toda a vida social a fago con compañeiros que algún día xogaron no Coristanco ou xogan. No futbolístico, tanto os bos momentos coma os malos, tiveron sempre no meu peito o escudo do Coristanco, e son innumerables. Entro pola porta do agora Manuel Vecino e é coma se fora a miña casa, coma o pan de cada día. Moitas horas nese terreo de xogo facendo o que máis me gusta que é darlle patadas ao balón. Por iso, todo o Coristanco xa é parte de min.

Que meta vos fixastes esta campaña?
Non nos fixamos ningunha meta a dicir verdade. Dende o primeiro momento tiñamos claro que a nosa tempada non se baseaba en metas nin obxetivos. Simplemente crear un grupo de amigos, ser competitivos e tentar gañar cada partido que nos toque. Os resultados están sendo positivos, pero creo que hai moito marxe de mellora e aínda estamos moi lonxe do noso 100%.

Que é o mellor de compaxinar como adestrador da base?
Teño a sorte de compaxinalo moi ben, porque grazas a flexibilidade que me dan no traballo e aos horarios marcados pola directiva, podo adestrar aos rapaces o mesmo día que adestro eu e en horas consecutivas. O mellor, eu creo que é que o aprendizaxe que tes como adestrador che serve logo no campo e viceversa. E á parte de todo isto, eu e mais o meu amigo Lucho, temos a sorte de coincidir cun grupo de nenos incrible, tanto a nivel persoal como futbolístico, algúns xa levan, con esta, tres tempadas comigo e somos coma unha familia. Sempre que poden, veñen ver os partidos dos senior, e é un orgullo para min que o fagan. Con estos rapaces e moi fácil compaxinar as dúas cousas.

Foto: fotofuentes

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas