Unha das principais bazas ofensivas do Malpica é o extremo polivalente Luis Manuel Ferreiro Loureiro (Malpica, 2003), coñecido deportivamente como Luisiño, que pode desenvolverse tanto pola esquerda como pola dereita e que posúe un enorme talento goleador e regate.
Formouse no conxunto malpicán, co que esta tempada cumpre a súa segunda campaña consecutiva, e ademais ten pasado no Seaia, na base e no primeiro equipo, así como tamén nos xuvenís do Sofán.
Que opinas do nivel desta campaña?
O nivel da liga é alto, nótase que os equipos compiten moito e que calquera despiste se paga caro. Co salto de categoría deste ano, a esixencia é aínda maior e nótase desde o primeiro partido. Cada minuto no campo conta, e temos que dar sempre o noso mellor nivel, porque ningún rival che regala nada. Temos un grupo moi bo, cunha base sólida de compañeiros que xa estaban o ano pasado, ao que se sumaron novas incorporacións que encaixaron perfectamente. Así formamos un equipo moi unido, a maioría do propio pobo de Malpica. Creo que esa é unha das nosas maiores fortalezas, xunto coa nosa inseparable afección, o grupo que formamos dentro e fóra do campo. Cando remata o adestramento ou chega o fin de semana, sempre acabamos xuntándonos todos.
Cada tempada melloras os teus rexistros goleadores, esperas o mesmo este ano?
Se marco, xenial, pero a verdade é que non penso moito nos goles ou nos números de cada tempada. Son un xogador competitivo, claro, e sempre intento dar o máximo, pero para min sempre é máis importante que o equipo gañe e consiga o obxectivo, o cal esta tempada é facer o máximo de puntos posibles na primeira volta, porque a segunda sempre é máis complicada, xa que moitos equipos descenden e tamén sempre poden aparecer lesións durante a tempada. Estamos a agardar o cambio de céspede, xa que o actual provoca sobrecargas e aumenta o risco de lesións nos equipos que xogan nel. O realmente importante é que o equipo funcione e que haxa un bo grupo. O resto ven por si só.
Que gol da túa carreira foi o máis especial?
Sen dúbida, o gol máis importante da miña carreira foi o que marquei na volta da final da fase de ascenso da tempada pasada, contra o Oza. Foi especial porque nunca antes conseguira un ascenso con ningún outro equipo, e facelo co equipo do meu pobo, cun grupo formado por rapaces todos de Malpica, foi incrible. Nunca vira o Campo da Pedra Queimada tan cheo como aquel día. Ademais, foi un gol case para sentenciar o partido, xa que na ida gañamos 0-2 e este era o 2-1 da volta. Ao final rematamos 3-1 o partido, conseguindo o tan desexado ascenso á Liga da Costa.
Foto: fotoschimpi




