Silvia Barcia: “O noso obxectivo é competir”

A banda dereita do Cabana está ben cuberta por Silvia Barcia García (Laxe, 2004), que chegou este verán tras estar tres tempadas no Puenteceso e disputar varios encontros de pequena co Laxe.

Silvia é unha das habituais no once titular que achega intensidade, compromiso nas tarefas defensivas, rápida, habilidosa, con bo toque de balón e visión de xogo.

Que é o que máis che gusta de xogar para o Cabana?
O que máis me gusta de xogar no Cabana é que é un grupo san e unido que conta cunha boa afección. Pero sobre todo, que o equipo en si mesmo ten un significado importante para min, xa que as miñas raíces proceden de Cabana, así que xa fai que teña uns valores familiares e emocionais moi grandes.

Como está a ser a túa adaptación ao novo equipo?
Adapteime moi ben, xa que me sentín cómoda e arroupada dende o minuto cero, como unha máis da familia, e isto nótase no ambiente que se respira tanto dentro como fóra do campo, xa que, sen dúbida, o noso é o terceiro tempo (risas).

Que obxectivos perseguides esta campaña?
O noso obxectivo é competir, gañar a Liga e a Copa da Costa. Véxonos moi ben, e considero que temos persoal de sobra para pelexar pola Liga. As ganas non nos faltan, e ao final creo que é o máis importante: a actitude e a ilusión, sumándolle que somos rapazas bravas que remamos todas cara á mesma dirección.

Foto: fotoschimpi

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas