A parella formada polo larachés Daniel Remuiñán e Álvaro Cerqueiras competirá a bordo dun Toyota GR Yaris RZ.
Daniel Remuiñán e Álvaro Cerqueiras descubriron nas instalacións de Toyota Breogán Motor Perillo a decoración do Toyota GR Yaris RZ co que competirán esta tempada no trofeo promocional da marca xaponesa. A dupla Remuiñán-Cerqueiras formará equipo esta tempada xunto á parella Lamela-Conde e a Adrián Díaz, que competirán en senllos vehículos patrocinados por Breogán Motor na loita polo título do trofeo monomarca nacional.
Para o piloto larachés, esta será a súa primeira tempada competindo en rallies do Supercampeonato de España de Rallies. O calendario do trofeo promocional inclúe seis citas das oito que compoñen o máximo certame nacional, un calendario mixto con tres citas sobre asfalto, dous sobre terra e unha mixta.
Remuiñán mostrouse ilusionado ante máis dun centenar de persoas que asistiron ao evento: «Para min supón unha gran oportunidade o poder competir nas mellores probas do noso país, facéndoo ademais nunha copa tan igualada e disputada como a GR Yaris Spain. Tanto Álvaro, o meu copiloto, como eu estamos moi motivados ante o reto que teremos esta tempada, xa que sabemos que o nivel é moi alto, o que sen dúbida nos axudará a progresar».
«Temos a sorte de contar con grandes compañeiros no equipo dentro da copa, como son José Lamela e Unai Conde, quen en 2024 lograron bos resultados, e con Adrián Díaz, quen sabe o que é competir e gañar nunha copa monomarca. Ademais, contaremos co asesoramento de Iván Ares e o seu equipo, o que supón un extra para nós».
«Gustaríame dar as grazas a Breogán Motor e a todos os meus patrocinadores, porque grazas a eles pechamos un gran proxecto deportivo. Así que imos prepararnos ao máximo para chegar listos á primeira cita, que terá lugar en pouco máis dun mes.»
Especificacións Toyota GR Yaris RZ
▪ Motor 1.6, 3 cilindros turbo 260CV.
▪ Tracción G-Four ás catro rodas.
▪ Caixa de cambios orixinal manual de 6 velocidades.
▪ Neumáticos 18” (Asfalto) e 15” (Terra).
▪ Dimensións (LxAxH) – 3995x1805x1455mm.
▪ Peso – 1300 Kgs (Regulamento N4).
Calendario Toyota GR Yaris Cup Spain
▪ 08-09 de marzo – Rallye Tierras Altas de Lorca (terra).
▪ 05-06 de abril – Rallye Sierra Morena (asfalto).
▪ 12-13 de xullo – Rallye Rías Baixas (asfalto).
▪ 13-14 de setembro – Rallye Princesa de Asturias (terra).
▪ 25-26 de outubro – RallyRACC Catalunya (mixto).
▪ 08-09 de novembro – Rallye La Nucía (asfalto).
Info e foto: Daniel Remuiñán




