Este venres ás 11:00 horas abrirá a inscrición para que rapaces laracheses de entre 6 e 15 anos de idade se anoten para participar en Xogade coas motos o día 26 deste mes de abril e iniciarse, así, na práctica do motociclismo probando unha moto de velocidade.
O evento, que regresa á Laracha tralo rotundo éxito do ano pasado, é organizado por VFM Motoclub co apoio do Concello, a Federación Galega de Motociclismo e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia a través do Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar).
Aquelas persoas interesadas deben inscribirse cubrindo os datos requiridos nesta ligazón: https://www.xogadecoasmotos.com/xogade-a-laracha. As prazas serán outorgadas por estrita orde de inscrición. Do 10 ao 15 de abril só se permitirá anotarse aos rapaces que estean empadroadas no concello da Laracha e que non participaran no ano anterior nesta mesma actividade. No caso de quedar prazas vacantes, abriríase a inscrición do 15 ao 18 de abril aos que participaran na edición pasada e desexen repetir neste ano. E, por último, se quedasen prazas dispoñibles abriríanse a non empadroados.
A participación é gratuíta, requiríndose a cada asistente que vaia equipado con guantes (de moto ou bici), botas (de moto ou tipo trekking) e roupa térmica ou sotomono.
Xogade coas motos pretende fomentar o motociclismo de base facilitando o acceso dos máis pequenos ás motos de velocidade. A actividade non será competitiva, xa que a finalidade esencial é coñecer se aos rapaces lles gusta o deporte do motociclismo. Os participantes terán acceso gratuíto ás motos, monos e cascos para realizar distintos exercicios de habilidade que serán dirixidos por monitores, encargados tamén de valorar o nivel do neno e de ofrecerlle esa información aos pais.
Trátase de ofrecer unha primeira toma de contacto que permita aos rapaces con inquedanzas polo motociclismo coñecer e achegarse a este deporte sen necesidade dun investimento inicial e, de ser o caso, recibir asesoramento para a súa práctica habitual nas diferentes opcións dispoñibles en Galicia (escolas, circuítos, competicións, etc).
Info e foto: Concello da Laracha