David Novoa: “É un orgullo enorme representar ao teu país, e ademais, poder traer a copa, ese título a España”

David Novoa del Hoyo (Benavente, 2002) afronta a súa cuarta tempada no Parrulo consolidado como un á determinante por talento e personalidade.

Formado na canteira do Atlético Benavente, onde tamén competiu co primeiro equipo, deu o salto coa selección española nas categorías inferiores e na absoluta. Precisamente con España acaba de proclamarse campión da Eurocopa, asinando un gran torneo con escintileos constantes da súa calidade e atopou premio cun golazo na vitoria ante Bielorrusia na segunda xornada da fase de grupos, tras regatear á súa marca e soltar un lategazo desde a frontal.

Vertical e valente, Novoa é un xogador que encara sen medo, pide o balón en calquera escenario e busca sempre o un contra un, representando ese perfil eléctrico que rompe liñas e cambia o ritmo dos partidos.

Primeira Eurocopa e volves campión, como estás a vivir este momento?
Pois a verdade é que o estou vivindo como un soño. É un orgullo enorme representar ao teu país, e ademais, poder traer a copa, ese título a España. Estou súper contento e moi emocionado polo logro conseguido.

Como foi ese momento en que recibiches a chamada da selección española?
Pois contento, a pesar de ser pola lesión dun compañeiro, pero bo, unha vez recibida a chamada, a verdade é que moi contento e moi orgulloso de poder cumprir o soño que tiña, que era xogar unha competición oficinal coa selección. Moi contento e emocionado.

Que tal foi a convivencia cos teus compañeiros?
A convivencia cos meus compañeiros foi estupenda, xa que á parte de que todos sabemos que son xogadores moi top e excepcionais, a verdade é que como persoa son aínda moito mellor e fixéronme as cousas moito máis fáciles para poder adaptarme mellor ao equipo e poder conseguir o que conseguimos.

Como se lida coa presión de participar nun torneo deste calibre?
A verdade é que mo tomei, xa non como presión, senón como unha oportunidade de facer algo moi bonito, de aproveitar esa oportunidade e gozala. Xa sabemos que esta selección sempre ten que gañar, sempre quere gañar. E como xa dixen, collín a oportunidade para gozala e poder dar o máximo de min para conseguir o obxectivo.

Que significou para ti sentir o agarimo e o apoio de Benavente e Ferrol tras proclamarche campión de Europa?
É de agradecer, estar tan lonxe e que sintas o apoio de todo Ferrol e de Benavente, coma se estivesen alí contigo. É un orgullo enorme e estou moi agradecido a todas as persoas que me estiveron apoiando, e non teño outras palabras para describilos, son os mellores e son únicos.

Tras ser campión de Europa, soñas con ir ao mundial?
O obxectivo que me poño agora mesmo e que me marquei é seguir traballando e esforzándome ao máximo, seguir dando todo de min para poder seguir tendo oportunidades de vestir a camiseta da selección, que é o maior orgullo que pode haber.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Álex Varela: “Reforzámonos ben”

Desde a ambición competitiva e o instinto goleador emerxe Alejandro Varela Maceiras (Miño, 1998), coñecido como Álex Varela. Mediapunta de formación e dianteiro por determinación,

Artai: “Somos unha piña”

O atacante Artai Miraz Casal (Ferrol, 1997) é vertixe e determinación ao servizo do Meirás, onde afronta a súa segunda tempada. Formouse no Racing desde