Fabián Vidal: unha década, un escudo e un mesmo corazón

Dez anos despois da súa chegada, Fabián Vidal Ares (A Coruña, 1990) converteuse nunha das pezas máis recoñecibles do Sofán. O centrocampista, con pasado no Victoria, Marino de Mera e Sada, atopou no club sofanista o lugar onde botar raíces e construír unha traxectoria marcada pola regularidade, o compromiso e o coñecemento do xogo, sendo un dos referentes máis respectados da casa.

Que significa para ti defender estas cores durante tanto tempo?
Pois é toda unha honra, a verdade, pero non o penso moito, aínda que quedarei para min o récord de ser o xogador do club con máis tempadas en Preferente (risas), pero en realidade, se xoguei tanto tempo aquí, é polo ben que me coidaron e o moi querido e valorado que me sentín desde o minuto un, entón non penso moito en canto tempo levo nin canto me queda, senón en seguir gozando deste bonito deporte coa familia tan bonita e próxima que é este club.

Que momento destacarías como o máis especial da túa etapa no equipo?
Como logros ou momentos máis especiais, sen dúbida, quedo co ascenso a 3ª RFEF, por todo o que significa para a historia deste club e por como foi o partido de emocionante, xa que tiñamos que gañar, pero dependía doutro resultado polo igualado que estaba todo. O outro momento é a consecución da primeira Copa da Costa para este club, que por todo o traballo ben feito da directiva, socios e colaboradores, e o crecemento tan grande que tivo en todos estes anos ata chegar a ser o club referente da Costa, merecíase tela, e máis que deberiamos ter, iso póñomo no “debe” como quizais algo que me quedou no tinteiro en todas estas tempadas, pero é algo que me vou a encargar de arranxar este ano (risas).

Que diferenza a este club e a súa xente doutros lugares onde xogaches?
Pois mira, salvo o ano do Sada, o meu periplo en senior foi todo en dous clubs moi parecidos, tanto o Marino de Mera como a SD Sofán son dous clubs cheos de xente traballadora e próxima, que se esforza cada día por facer que o club creza achegando o seu graniño de area de maneira altruísta, todo este grupo humano de persoas marabillosas encabezadas por Ricardo, o noso presi, que é o fiel reflexo e reúne todos os valores que estou a dicir. Todas estas persoas que o dan todo polos seus compañeiros e o seu club, sen malos rollos, nin envexas, nin egos. Ese ambiente, esa xente, eses recordos de tantas vivencias bonitas e facelo con persoas ás que podes chamar familia, para min é o máis bonito do futbol e o que fai que formar parte deste club sexa tan especial.
Por iso, aos rapaces sempre lles digo que a min o que me fai feliz e o que máis me gusta do fútbol en si non é o ascender a tal división ou o gañar tal copa, senón o feito de que eu sei que con 80 anos vou seguir acordando do feliz que fun conseguindo eses logros e o feliz que fun xogando, celebrando e gozándoo á beira dos meus amigos e familia. Eses recordos dos recitais de Xandre, Martín, Lucho, dos ovos que lle poñían os meus amigos Parafita en cada partido, de saber que con irmáns como Bece, Ivi, Sera, sempre terás as costas cubertas, tanto dentro como fóra do campo, e tantos outros compañeiros. Por ese tipo de cousas son polas que lles digo que deben loitar, esforzarse e dar o máximo en cada partido para vivilas. Para min, esa é a gran diferenza ou a gran vantaxe que ten a familia da SD Sofán.

Foto: fotoschimpi

 

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas