Noelia Iglesias Bazarra (A Coruña, 1981) é unha desas figuras imprescindibles no fútbol, capaz de combinar paixón, experiencia e compromiso en cada proxecto que asume.
Actual adestradora do Muxía, compaxina o seu labor no fútbol 11 co fútbol sala, onde exerce como técnica e coordinadora no Distrito Ventorrillo, club ao que tamén estivo vinculada como xogadora. A súa traxectoria nos bancos inclúe etapas no Bergantiños, onde estivo á fronte do filial feminino e do infantil, antes de recalar no conxunto muxián, ademais de experiencias en entidades como o Betanzos e o Silva.
Os seus equipos caracterízanse por unha intensidade constante, un xogo moi atractivo e un gran poderío ofensivo, acompañado de defensas sólidas e ordenadas.
Como naceu a túa paixón polo fútbol?
Na miña casa sempre foron apaixonados do fútbol, e en Monelos, o meu barrio, da miña idade eran todos mozos, así que con 8 anos xa xogaba na rúa e no colexio con eles. Non lembro a miña infancia sen un balón polo medio.
Que momento é o que máis che marcou como xogadora e como adestradora?
Ao fútbol federado practicamente non xoguei, como xogadora de fútbol sala pódoche dicir que hai moitos. Sempre vivín moi intensamente o fútbol, xa como xogadora, e calquera partido contra un rival máis potente ou unha final, goceina sempre ao máximo.
Como adestradora é moi bonito ver crecer un proxecto de fútbol sala feminino desde cero como o Ventorrillo. E agora mesmo en fútbol estou a vivir un momento moi bonito en Muxía, foi unha chamada inesperada, e que me está achegando moitísimo por todo o que me rodea alí, estou moi agradecida. Estou segura de que o mellor está por chegar.
Que valores tentas transmitir ás túas xogadoras a nivel deportivo e persoal?
Considérome unha adestradora de formación, así que ás miñas xogadoras téntolles transmitir paixón por este deporte. Considero que os meus equipos son sempre moi intensos no campo e é un reflexo do que tentamos transmitir desde fóra. Traballo duro, esforzo e compromiso, son básicos para poder sacar o mellor dun mesmo. E non hai que esquecer que é un deporte de equipo, así que o compañeirismo e a empatía son imprescindibles.
Tes algún referente nos bancos?
Cada vez hai máis adestradoras e mellor preparadas, así que hai moitas nas que fixarse e de diferentes disciplinas.
Unha das miñas favoritas é Sarina Wiegman, a seleccionadora inglesa de fútbol feminino, e Becky Hammon, primeira muller en dirixir un partido oficial na NBA cando era asistente dos Spurs. Pero hai moitas boas adestradoras e referentes no fútbol feminino español: Vicky Vázquez (en As Celtas), Irene Ferreras, María Pry, etc. Hai que facer unha chamada aos clubs para que non teñan reparo en chamar a adestradoras para categorías sénior, está moi ben que xa as haxa en base, pero tamén as hai moi capacitadas para as categorías de rendemento.
Cres que o fútbol sala achega vantaxes tácticas ou técnicas ás túas xogadoras de fútbol e viceversa?
O fútbol sala case debería ser obrigatorio nas primeiras etapas de fútbol base. A nivel técnico e coordinativo achega moitísimo. Velo nas xogadoras que xogaron toda a vida a fútbol sala: Patri Romaní, Barca, Lago, Lema, Lau Doce, etc. Creo, porque o vivo no meu día a día, que é máis fácil pasar do fútbol sala ao fútbol, que viceversa. O fútbol sala ensina todas as carencias, xa que non hai espazo nin tempo para o erro. En fútbol hai máis espazos e os erros non son tan determinantes. Evidentemente, se vas practicar fútbol sala e xa xogaches ao fútbol, tamén vas ter vantaxes sobre alguén que non xogase a ningún, pero non me parecen tan evidentes.
Tácticamente, pasa algo parecido, o futsal achega moitísima mobilidade que se pode transferir despois ao fútbol.
En que crees que evolucionaches máis desde que empezaches?
Quédame moito camiño por percorrer, pero creo que onde máis mellorei é tácticamente, e na preparación de tarefas. Os adestramentos nestas categorías son importantísimos xa que non dispoñemos de moitos días nin tempo, e hai que aproveitalos ao máximo.
A formación é básica para poder crecer como adestradora, pero non sempre podes ter os recursos ou o tempo para facelo constantemente, iso e a experiencia compartindo con outros adestradores: ir a congresos, ver outros adestramentos, etc. A min é que me gusta ata ver os quecementos dos demais, sempre aprendes moitísimo observando e falando con outros adestradores.
Ademais, creo que o fútbol está a evolucionar moito tácticamente, de feito, a intervención dos adestradores durante os partidos cada vez é máis determinante, os rivais estudámonos, todo o mundo prepara os partidos, e hai que estar a modificar e reaccionando aos movementos do rival continuamente.
Oxalá poder seguir formándome e crecendo como adestradora.
Foto: fotofuentes




