DIMOLK BASKET XIRIA: Campaña ascendente en Segunda División

O conxunto feminino do Dimolk Basket Xiria de Carballo, que está baixo a dirección de Héctor Añón Rodríguez, está a realizar unha tempada 2021-2022 ascendente na Segunda División feminina, grupo norte, no que figuran nove equipos.

Entre eles están o CB Laracha Clínica Noya Dental e o ES Bazarra Costa da Morte de Cee. As demais formacións pertence á Coruña, Lugo (2), Vilalba, Foz e Ribeira de Lea. A formación carballesa, que integran doce xogadoras, entre as que figuran catro incorporacións, presenta un cadro de persoal novo, debido a que a súa media de idade é de 20.33 anos. Nesas novidades están dúas que proceden do equipo júnior e as demais chegan do CB Arteixo e a última foi recuperada. As baixas do pasado exercicio foron as escoltas Nuria Pose e Paula García, a base Sara Couto, e as pivots Elba Díaz e Sabela Teixeira.

Héctor Añón, que afronta a súa segunda campaña no banco, conta con Marcos López López, como preparador físico, e Arturo Ferraces Martínez, como delegado. A tempada comezou mal para as carballesas, que perderon na cancha do Club Baloncesto do Lea, por 59-39. Na segunda xornada fronte ao mesmo equipo en Carballo houbo un gran cambio e a derrota foi por 44-48, nun encontro que a punto estiveron de levantar. Despois evidenciou esa gran melloría no xogo e, loxicamente, nos resultados, debido a que gañouse ao Cook CB Terra Cha, de Vilalba. O primeiro partido lonxe de Carballo por 45-49, e en Carballo, por 55-21. Nos últimos encontros, as carballesas souberon superar ao Ensino de Lugo, na cancha lucense por 48-51 e perdeu en Carballo, por 45-62 . Desta forma afrontarán agora o parón do Nadal, así que despois de seis xornadas, o equipo ocupa a 4ª posición, nunha clasificación na que están preto da cabeza, que lidera o Laracha.

O Dimolk Xiria retomará a competición o 9 de xaneiro e para iso, as xogadoras de Héctor Añón recibirán no Villa de Noia ao Celtas de Foz.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas